Luís Guerreiro, perfumería Ana: «O comercio tradicional é moi importante para a vida dunha cidade como Ferrol»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

Logo de trinta anos co negocio, di que se sente moi agradecido por «ter clientes que son verdadeiros amigos»

06 feb 2023 . Actualizado a las 13:34 h.

Luís Guerreiro naceu hai 63 anos en Roupar, no Concello de Xermade, nunha das portas da Terra Chá. Alí onde, non moi lonxe das Terras do Eume, comeza a provincia de Lugo. E, con ela, esa Chaira —o corazón espiritual da Diocese de Mondoñedo-Ferrol— que non só é unha realidade xeográfica, senón sobre todo un reino feito de infinitos horizontes e de versos de poetas como Manuel María ou Darío Xohán Cabana. Sendo o maior de dez irmáns, Luís tivo que traballar moi duro desde neno. «Aprendín a saír adiante», di. Entre os seus primeiros recordos están as historias que oía contar nun mundo que xa case non existe, onde os contos eran cada día novos ao pé do lume da lareira. E entre as súas primeiras lembranzas tamén está a memoria do monte e do gando. Como o está a devoción pola terra. Propietario da perfumería Ana, establecemento que vén de celebrar os seus trinta anos de vida (Ana é, precisamente, o nome da súa esposa, coa que creou esa tenda que xa é toda unha institución no centro de Ferrol), Luís reivindica a importancia do comercio tradicional.

—Sen comercio, qué é unha cidade?

—Na miña opinión, moi pouca cousa. O comercio tradicional é moi importante para a vida dunha cidade como Ferrol. Cando a unha cidade lle falta o comercio, cando ves locais pechados por todas partes, esa cidade ten un problema moi serio.

—Que futuro lle agarda, en xeral, ao comercio tradicional?

—Non é fácil sabelo. Predicir o que vai ser o futuro, sempre é moi difícil. A verdade é que as cousas cambiaron en moi pouco tempo. A realidade está aí, e os rapaces xa mercan case todo por internet. O que ocorre é que a min paréceme que un non se pode render. Eu son desas persoas que están convencidas de que hai que loitar constantemente, e saber adaptarse ás circunstancias. E niso estamos.

—Vostedes tamén venden por internet.

—Así é. E, de feito, paréceme moi importante facelo. Ofrecémoslles aos clientes a posibilidade de levarlles ao seu domicilio o que compran. Do mesmo xeito que entregamos vales de párking. Todo o que se poida facer é importante non deixar de facelo. Pero, por riba de todo iso, eu penso que se nós levamos trinta anos de actividade sen interrupción é porque hai cousas que temos moi en conta.

—Por exemplo?

—Pois mira, por citar algo fundamental, que o cliente ten que ser sempre o primeiro. Ti tes que saber poñerte no lugar da túa clientela. Ofrecerlle o mellor que tes e ofrecerllo, ademais, ao mellor prezo posible. E iso, ao longo dos anos, vai deixando tamén o seu pouso. Nós podemos dicir, e con moito orgullo, que temos unha clientela moi fiel. Son verdadeiros amigos. Hai xente que leva víndonos comprar desde que abrimos. E hai familias que veñen á tenda desde moi diferentes lugares da comarca. Temos clientes de Cedeira, de Ortigueira, de Cariño, das Pontes...

—Despois destes trinta anos, que lles diría vostede a todas esas persoas?

—Pois a todos os meus clientes lles diría, hoxe, o mesmo: que grazas, que moitísimas grazas por estaren sempre aí. Que lles estaremos agradecidos sempre.

—Hai moito tempo que non vai por Roupar?

—Nooooon...! Vou moitísimas veces. Gústame reunir alí a miña familia toda. Percorrer as paisaxes da miña infancia, e levar comigo a miña neta. Hoxe, cando boto máis en falta que nunca a miña nai, son consciente de que non quero perder as miñas raíces. Sempre serei de Roupar.