Os 88 discos de Ferror Records en oito anos: «Ferrol é 'underground'»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Fernando F.Rego e Serxio Peck, de Ferror Records
Fernando F.Rego e Serxio Peck, de Ferror Records CESAR TOIMIL

A discográfica da cidade naval é unha das estrelas do panorama galego

03 feb 2023 . Actualizado a las 16:05 h.

Dende que abren as fábricas ata que pechan os pubs, Ferrol móvese na eterna sinfonía dunha cidade naval. Ese ritmo imparable golpea como un pistón nas gravacións de Ferror Records: unha discográfica nacida aquí en xuño de 2015 pero que xa se consolida como unha das estrelas do panorama musical galego. Os seus impulsores Fernando F.Rego e Serxio Peck acumulan 88 discos en case oito anos. E o 40 % proceden de Ferrol: «Quixemos catalizar o esforzo underground e toda a efervescencia nunha cidade que precisamente é moi underground, somos supervivintes entre todos os colectivos do mundo do disco que foron desaparecendo en Galicia».

Baixo as grúas cegoña, Ferror Records xa lanzou grupos de vangarda e á vez de tanto éxito como Chicharrón, Músculo e Rayotaser, «con escoitas moi importantes en Spotify e redes, con moitísimos pedidos». E o presente 2023 enfócase «con moita ilusión, con lanzamentos de peso como o novo disco de Chicharrón, o vinilo de Músculo, o CD dos asturianos Octubre, posiblemente o novo traballo de Carlos Ordóñez» (pioneiro do techno galego). Naquel verán de 2015, Fernando e Serxio levaban xa un tempo «vinculados á música, primeiro como seareiros dos concertos de formacións galegas». Peck xa era teclista de Carrero Bianco e Rego escritor de libros referenciais como Andrés do Barro: Saudade e 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega.

A discográfica destaca como «Ferrol é unha das cidades máis prolíficas na música galega, xa dende os 50 xurdiu unha gran cantidade de orquestras a partir da tradición de bandas militares, ou dos grupos nos estaleiros». Fernando F. Rego pon máis exemplos: «Los Zafiros chegaron a triunfar en Londres, Andrés do Barro foi a xénese do pop galego e non poñemos en valor a enorme cantidade de grupos dende os 80». E asegura que «no noroeste de Galicia chama a atención o que se fai en Ferrol, o nome da nosa discográfica xa quixo amosar que queremos facer cousas dende esta cidade para o mundo».

Nestes oito anos, en torno a Ferror Records creouse unha especie de equiteta. «A nosa perspectiva é a da militancia e o underground, con selo local... outras cidades máis grandes non teñen semellante catálogo de grupos», insisten os produtores. Fernando tamén se lamenta de que «nunha cidade tan musical as institucións non poñan en valor aos seus artistas, porque en Ferrol non hai esculturas e recoñecementos aos seus músicos». En comparación, «O Ventorrillo ten unha escultura a Pucho Boedo, pero aquí non hai unha para Andrés Do Barro».

A discográfica ferrolá chegou a tempo para evitar o baleiro deste tipo de empresas na escea galega. «Entre 2010 e 2015 estaban Discos da Máquina en Santiago, Porno en Ourense ou Metamovida entre Pontevedra e Vigo», indican Fernando e Serxio. «En case todas as cidades galegas había colectivos baseados na autoxestión, nós coincidíamos polo Cruceiro de Canido e decidimos apoiar á escea local porque ao final tamén é apoiar á escea galega», apuntan. E mentras eles despegaban, parte dos outros selos deixaron de funcionar.

Co seu recoñecible logo de Armando Guerreiro, e portadas fotografiadas nas Casas Rosas de Caranza como a de Espejos y Diamantes, Ferror Records tira por Ferrol a través de grupos da zona como Los Eternos ou Quant. E celebra cada ano eventos tan punteiros como o ciclo Solpores de Canido, os concertos na Sala Room ou exposicións no Torrente. Sempre entre estaleiros.