O ciclo Xacobeo Peregrinas trae hoxe á cidade ciencia, moda e literatura

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

La presentadora Paloma Lago en Covas
La presentadora Paloma Lago en Covas JOSE PARDO

Participan Paloma Lago, Ana Ares e María Canosa

25 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta tarde a partir das 19.00 horas, o Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav) trae á cidade o segundo encontro do ciclo Xacobeo Peregrinas. Terá ao Camiño Inglés como fío conductor, e contará coa asistencia das seguintes tertulianas: a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares; a escritora e comunicadora María Canosa; e a modelo e presentadora Paloma Lago. A cita estará guiada pola actriz e presentadora Isabel Blanco. E tamén intervirá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Trátase dun evento aberto ao público, de carácter gratuíto e que contará con intérprete de lingua de signos. Poderase tamén seguir a través de streaming nas canles de Youtube e de Facebook camino_xacobeo, e a través da web caminodesantiago.gal.

 Máis da metade mulleres

Máis da metade das persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago son mulleres. Este Xacobeo Peregrinas é un proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, co apoio da Fundación La Caixa. Desenvólvese en «lugares relevantes das cidades galegas ao longo das rutas do Camiño de Santiago».

Conta cunha modalidade de talk show con público «onde as convidadas, guiadas por unha moderadora, comparten experiencias persoais e profesionais que suscitan a reflexión sobre os desafíos galegos contemporáneos». Funciona así como «espazo de conversas en feminino para visibilizar a realidade de que cada vez hai máis mulleres no Camiño».