Ferrol, unha lección maxistral: «A cidade moderna existe grazas á súa natureza privilexiada»

Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Guillermo Llorca ante un mapa de Ferrol de 1772, na exposición 'Ferrol no Tempo'
Guillermo Llorca ante un mapa de Ferrol de 1772, na exposición 'Ferrol no Tempo' CESAR TOIMIL

Guillermo Llorca amosa cun mapa de 1772 na exposición de Afundación «a gran expansión por Esteiro e A Magdalena»

23 ene 2023 . Actualizado a las 10:22 h.

Ferrol, fascinante Ferrol. Ata tal punto que o seu urbanismo estúdase hoxe en día nas facultades. Para coñecer o momento exacto no que se produxo a expansión como cidade, o historiador Guillermo Llorca bríndanos a mellor lección de historia na exposición Ferrol no tempo en Afundación. E parte dun mapa de Dionisio Sánchez Aguilera de 1772 (Ministerio de Defensa) onde xa aparecen os catro barrios: «O medieval Ferrol Vello do que temos documentos de 1089, a aldea de Canido, o obreiro Esteiro para traballadores do Arsenal e estaleiros, e as primeiras mazás da Magdalena para técnicos navais ingleses, escoceses, franceses...»

Circunstancias xeográficas e militares aliáronse para facer de Ferrol a cidade máis poboada de Galicia, con 25.000 habitantes en 1778. Como explica Llorca, «o Ferrol moderno existe grazas á súa natureza, polas condicións privilexiadas da súa natureza». Por este motivo, en 1726 Felipe V elixe a zona «capital marítima do noroeste peninsular e non a Vigo, porque temos unhas condicións xeográficas e estratéxicas excepcionais cunha ría estreita e moi ben defendida». E por iso, en 1800 «os ingleses decidiron invadirnos por Doniños».

Para alzar uns estaleiros e un arsenal coroados como mellores do mundo na época, «fíxose unha colosal obra hidráulica gañada ao mar e pioneira en Europa». Creáronse barrios para acoller á poboación: «Esteiro nace como chabolas e despois toma o trazado racionalista da Ilustración con poboación migrante; A Magdalena acolle a técnicos dos estaleiros, administradores, mandos do exército...». A Magdalena convertirase nun dos barrios máis modernos de Galicia. «Exemplo de deseño urbanístico que aínda se estuda nas universidades, con rúas anchas, alcantarillado, dúas prazas»,cita Llorca.

Aquel emerxente Ferrol, continúa o historiador, «transfórmase nunha praza forte cuns dos arsenais e estaleiros máis importantes de Europa, que entón quería dicir do mundo». Dende o século XVI, a ría custodiábase cos castelos de San Felipe, A Palma e San Martiño; cunha cadea de troncos e cordas para impedir entrada de invasores. «E despois trazaríase un perímetro amurallado para protexer a base militar con portas que abrían á terra e ao mar», di Llorca sobre o mapa. Aparecen as 12 gradas do antigo estaleiro de Esteiro, «onde a principios do XVIII construénse 12 navíos baixo o nome do Apostolado». Tanto as diferenzas entre Esteiro e A Magdalena, como a existencia dunha muralla, marcaron a estratificación social mesmo con «conceptos como fóra de portas».

Noutro mapa de 1639, «non aparecen Esteiro nin A Magdalena, pero si A Graña, Mugardos e as fábricas de pan de Neda creadas pola Coroa para surtir aos barcos con destino a América». Panadeiros de Málaga producían pan de galleta. Outra cartografía de 1735 representa a ría cos tres castelos, A Graña amurallada, as gradas de Esteiro e o rico tráfico marítimo: «Coa flota do rei refuxiada, o descanso de naves perseguidas por piratas».

En 1779 iníciase o declive por problemas da facenda pública, e John Adams (futuro presidente de EEUU) chega á cidade onde ve «homes e mulleres con pelo ata os xeonllos, e dúas tabernas». Xa en 1843, o pastor George Borrow reparte biblias por aquí: «A tristura apoderouse de min». A cidade sempre como unha montaña rusa en torno ao naval.