Ferrol prepárase para celebrar San Xiao co acto oficial e a tradicional degustación de arroz con leite

gala dacosta diehl

FERROL CIUDAD

O catedrático Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibe este día de San Xiao a distinción de Ferrolán do Ano
O catedrático Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibe este día de San Xiao a distinción de Ferrolán do Ano Cedida

A entrega de distincións como a do Ferrolán do Ano, que recae en Jesús López Romalde, será mañá ás 12.15 horas no Teatro Jofre

06 ene 2023 . Actualizado a las 22:42 h.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidirá mañá o acto oficial pola festividade de San Xiao, que terá lugar ás 12.15 horas no Teatro Jofre. As entradas, de balde, pódense retirar no despacho de billetes do propio teatro.

No acto entregarase o título de Ferrolán do Ano 2022 ao catedrático de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, Jesús López Romalde; así como as Insignias de Ouro 2022, que irán parar a distintas asociacións e centros educativos de Ferrol.

Ferrolán do Ano e Insignias de Ouro

O catedrático Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) foi designado como experto técnico a nivel estatal para a SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais. É tamén autor de máis de 230 artigos en revistas de divulgación científica e participou en 50 proxectos de I+D a nivel estatal e europeo. É embaixador para España da American Society for Microbiology e recibiu o Premio Internacional de Investigación Científica e Técnica «Enxeñeiro Comerma» (1988), o Premio Jaime Ferrán da Sociedade Española de Microbioloxía (2001) e a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela.

As Insignias de Ouro 2022 irán parar ao CEIP A Laxe de Valón pola promoción dunha ensinanza que garante o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribución á creación de contextos e cultura inclusivos; ao CPR Jesús Maestro, con motivo do 75 aniversario da súa fundación e pola súa aposta por un sistema pedagóxico innovador; á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, que celebra o seu quintuaxésimo aniversario na procura da eliminación das barreiras comunicativas; ao Abeconsa Basketmi, pola súa traxectoria e os seus éxitos deportivos ao lograr o primeiro posto na Primeira División de baloncesto en cadeira de rodas e o ascenso a División de Honra; e, por último, ao militante sindical e político Rafael Pillado con motivo do quintuaxésimo aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972 e como homenaxe á súa loita perenne na defensa das liberdades e do traballo digno.

A tradicional degustación de arroz con leite pechará a xornada

Como cada 7 de xaneiro, a festividade de San Xiao rematará coa tradicional degustación de arroz con leite para todos aqueles ferroláns que desexen pasarse polo punto de reparto. Este ano distribuiranse, totalmente de balde, un total de 2.500 racións na carpa de Nadal situada na praza de Armas. Será mañá pola tarde, de 18.00 horas a 21.00 horas, nun evento que contará coa actuación musical de Los Primerizos e Keipers.

Ademais do postre típico e a música, hoxe será a última sesión da ludoteca de Nadal para os pequenos. Será tamén na carpa da praza de Armas, en horario de 11.00 horas a 13.30 horas pola mañá e de 17.00 horas a 20.30 horas pola tarde.