O orzamento da Xunta para formar a persoas desempregadas da comarca ascende a 3,2 millóns de euros
FERROL CIUDAD

O número de cursos elévase a 64 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
04 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O DOG recollía onte a resolución da ampliación de crédito para as accións formativas para desempregados (AFD) que en Ferrolterra se traduce en 337.845 euros adicionais que, sumados ao crédito inicial, permitirá alcanzar os 3,2 millóns de euros de investimento para a formación de persoas paradas. Esta ampliación de crédito incrementará en sete o número de cursos a impartir, alcanzando os 64 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o que se traducirá nun total de 20.614 horas formativas. A ampliación do orzamento incrementará o número de entidades beneficiarias, pasando das 12 iniciais a 13.
Os cursos
«A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura ou servizos administrativos», sinalou a delegada territorial, Martina Aneiros.
Poden acceder a estas accións as persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulamento de temporal de emprego (ERTE), suspensións dos contratos ou reducións de xornadas por causas económicas técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior. Aínda que os cursos van dirixidos principalmente a persoas desempregadas, admítese tamén a participación de ata un 30 % das persoas traballadoras ocupadas, sempre e cando esta porcentaxe non se cubra con traballadores desempregados. Poden tomar parte tamén as persoas demandantes de servizos previos ao emprego.