
Valdoviño, Ferrol, Moeche e San Sadurniño programaron diferentes actividades co foco nas mulleres e as nenas
17 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Día Internacional das Mulleres rurais celébrase cada 15 de outubro por iniciativa das Nacións Unidas para poñer en valor a contribución que fan para a sociedade co seu traballo. Este ano, a data fixo fincapé nos efectos da crise enerxética e alimentaria sobre as vidas das mulleres e nenas das zonas rurais de todo o mundo, incluíndo ás indíxenas.
Para conmemoralo, o pasado sábado, os concellos de San Sadurniño, Ferrol, Valdoviño e Moeche festexaron a data festiva con distintas actividades aptas para todos os públicos.
Espectáculos, feiras e cursos
En San Sadurniño, na Casa da Cultura tivo lugar o espectáculo «Tabú», de Carmen Conde e Tarabela Creativa, froito das conversas con mulleres de entre 70 e 95 anos de distintas zonas rurais de Galicia sobre a súa vida erótica e sexual durante a xuventude. A continuación, presentouse o proxecto «Mulleres da Galicia máxica», composto por fotografías de 127 mulleres de distintas parroquias.
O Concello de Ferrol tamén quixo celebrar a efeméride en disintas zonas rurais do municipio. O sábado pola mañá partiu desde a asociación veciñal da Cabana unha ruta silvestre pola contorna e ás 16.30 horas celebrarase un obradoiro de elaboración de produtos biosaudables con flores e herbas recolectadas pola zona.
O domingo tivo lugar o espectáculo «Lavandeiras» na asociación veciñal de Valón ás 19.00 horas. A actuación foi da man da narradora Vero Rilo e da acordeonista Sonsoles Penadique.
Moeche celebrará o día de maneira transversal dentro da Feira da Faba, acontecemento anual que terá lugar na Nave do Mercado a partir das 11.00 horas da mañá. Houbo sorteos, competicións, xogos infantís e unha fotografía de grupo para inmortalizar o Día Internacional das mulleres rurais.
Este ano, Valdoviño optou por festexar o día con cursos gratuitos para para mellorar as competencias dixitais das mulleres do concello. Hoxe, luns, terá lugar a presentación do programa coas distintas actividades formativas para as mulleres.
Participación de asociacións
A Asociación de mulleres do rural María del Mar Becerra, de Valdoviño, ofrece durante todo o ano clases de pintura, corte e confección, bolillos, bordado e máis. A agrupación consta de arredor de noventa mulleres, tamén algúns homes, que comezaron como amigas que quedaban para coser. Dende o ano 2017, cando se constituíron como asociación por suxerencia do concello, participan en distintas actividades: cada cuarto domingo de mes organizan o feirón de Valdoviño, así como as recollidas solidarias de alimentos de cada nadal. Tamén fixeron colectas para as persoas afectadas polo volcán da illa da Palma, nas Canarias, e para enviar alimentos e bens útiles a Ucraína.
Como elas, outras mulleres da comarca de Ferrolterra tamén decidiron crear o seu propio colectivo para facer xuntanzas e compartir momentos. É o caso da Asociación das Mulleres do campo de Xestoso, en Monfero, que segue en activo dende 1997, de Cabanas Rural e da Asociación de Mujeres Rurales de Doniños.