María Victoria Carballo-Calero: «Descubrir a revista Nós no seu conxunto foi todo un acontecemento»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

FERROL CIUDAD

MIGUEL VILLAR

A Xunta recoñeceu o traballo da catedrática co Premio da Cultura Galega

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda a reprogramar a súa vida María Victoria Carballo-Calero Ramos (Ferrol, 1942). Só hai unhas semanas que se xubilou como catedrática emérita de Historia da Arte da Universidade e xa cavila no que se vai ocupar. Centrarse máis na súa faceta como membro da Real Academia Galega de Belas Artes, institución da que é arquiveira-bibliotecaria, desenvolver traballos de investigación que ten pendentes e promover proxectos vencellados ás institucións e fundacións nas que participa son os obxectivos que se ten marcado para esta nova etapa afastada da docencia. Nos últimos tempos ten sido obxecto de recoñecementos varios, entre outros os premios da Insua dos Poetas, o Trasalba da Fundación Otero Pedrayo ou o Premio da Cultura Galega, na súa categoría de Artes Visuais.

—Como valora o premio?

—Sempre está ben que se acorden de ti, aínda que tampouco hai que darlle máis importancia da que estas cousas merecen. Os recoñecementos hai que tomalos na súa xusta medida.

—No seu día sinalou que lle fixo especial ilusión o Trasalba pola relación familiar?

—Meu pai era amigo de Otero Pedrayo e sentía verdadeira admiración por el. Otero, Castelao e Rosalía eran as figuras as que el tiña en maior consideración. Daquela, recibir o Trasalba foi algo diferente polo valor engadido do galardón. Dos recoñecementos recibidos tamén foi especial recibir o Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística.

—Ten dedicado a súa vida profesional a arte e mesmo asinado traballos como a antoloxía da escultura do século XX para o Consello da Cultura Galega. Goza de boa saúde?

—Si. Hai moi bos artistas en Galicia, e no caso concreto dos escultores só hai que ver a presenza nestes días mesmo de mostras de Leiro e Manolo Paz en Madrid. Como en todas as cousas hai apartados bos e outros non tanto, por exemplo o da escultura pública é algo a estudar.

—Refírese a Ourense ou é unha reflexión xeral?

—Á cidade e tamén en xeral. Creo que se fai necesario educar o gusto na mesma e rematar con iso de que todo vale. Houbo e hai moi bos escultores na cidade, dentro de pouco imos ter unha nova peza de Buciños, pero faise necesario ter un criterio e ao mellor crear unha comisión para decidir que se fai e como. Non aplicar o de todo vale.

—No 2020 reeditouse a súa obra sobre a revista Nós. Foi pioneira no achegamento á ilustración artística. Que a levou a escoller esa faceta creativa?

—Cando me viñen para Ourense o primeiro que me dixo meu pai é que debía ter como prioridade coñecer o lugar e identificarme coas cousas. Recomendoume que collese a revista Nós e que a lese toda, páxina a páxina.

—E aplicouse.

—Fun folla por folla, grazas á axuda de José Platero —encargado do servizo de Publicacións da Deputación de Ourense— e vin que alí estaba todo: Castelao, Risco, Cela, Torrente, Fernández Mazas... unha obra enciclopédica de gran valor. Descubrir a revista Nós no seu conxunto foi todo un acontecemento.

—A ilustración deulle un carácter especial?

—Os traballos dos artistas para este tipo de publicacións son moi valiosas e representativas, porque ao mellor un cadro poder estar condicionado por causas do encargo ou do que o artista quere conseguir. A ilustración na Nós é un conxunto extraordinario, de primeiro nivel.

—É autora dunha obra de referencia obrigada sobre a evolución urbanística da cidade.

—Ese foi un encargo dou meu profesor Bonet Correa. Hai anos facíamos encontros académicos en diferentes cidades e nunha ocasión houbo un congreso internacional en Santiago de Compostela. Sempre facíamos algunha excursión coincidindo cos mesmos e eu tróuxenos a Ourense. Dixo que non se explicaba como a arquitectura e o patrimonio que tiñamos na cidade, que nalgúns casos ía desaparecer, non estaba recollido nunha publicación. Citoume o traballo que publicara Mireia Freixa sobre a arquitectura de Barcelona e díxome: «Ponte a trabajar sobre esto».

«Houbo xente que quería que rexeitásemos o Día das Letras Galegas para o meu pai»

A figura de Ricardo Carballo-Calero marcou unha etapa na filoloxía e na literatura galega. Autor de obras fundacionais e guieiro das primeiras xeracións de licenciados en Filoloxía Galega, rematou sendo marxinado polo seu achegamento ás teses lusistas. O rexeitamento dos seus posicionamentos por parte da cultura oficial pasoulle factura en moitas facetas, entre outras no boicot ás súas obras nalgunhas convocatorias. Nunha das xuntanzas do Losada Diéguez, por citar un exemplo, a polémica xerada pola súa novela Scórpio entre o xurado foi épica. 

—A decisión da Real Academia Galega de dedicarlle as Letras Galegas axudou a recuperalo?

—Fernández del Riego, que mantivo sempre a amizade co meu pai, dicía que non descansaría mentres non conseguise que lle dedicasen as Letras Galegas. E creo que as liortas eran memorables na RAG cando se tocaba ese tema. Finalmente as cousas mudaron e chegou o seu momento. Non sei se axudou a recuperalo ou non, pero está claro que se lle deu o recoñecemento que se merecía. Tamén teño que dicir que había xente que quería que rexeitásemos o Día das Letras Galegas para o meu pai. O pobre tivo mala sorte, ata lle tocou a pandemia.

—Manter as súas teses marcou a súa vida?

—Sen dúbida. Moitos dos que eran os seus amigos, e mesmo xente á que formara, o marxinaron e non lle fixeron a vida fácil precisamente. El mantívose no seus posicionamentos porque chegou aos mesmos a base de moito traballo de investigación e moitos esforzos. E se daquela o achegamento a Portugal que el defendía, como camiño natural para o galego e para garantir o seu futuro, era pouco menos que un sacrilexio agora as cousas mudaron e semella que é o camiño asumido, a nivel xeral.

Unha xubilada con moitos proxectos aínda por desenvolver

María Victoria Carballo-Calero Ramos ten desenvolvido unha longa a prolífica carreira profesional. A ferrolá lembraba no ano 2020, o dedicado ao seu pai pola RAG, os anos e os traballos en Lugo cando Ricardo Carballo Calero rematara no exilio interior que o levou ao Colexio Fingoi e a convivencia no día a día cos persoeiros máis destacados da cultura galega. Unha presenza que era algo normal naquel tempo.

Rematou en Compostela estudando Historia da Arte e ten comentado que para ela o que naquel tempo semellaba unha tolemia, a carreira escollida, era algo do máis natural. Na Universidade de Santiago de Compostela encetou o seu traballo docente, realizou logo proxectos de investigación en Lugo, e finalizou en Ourense. Á cidade chegou hai 44 anos. Pediume praza na universidade cando o seu marido foi nomeado director de Previsión.

Recoñece a súa paixón investigadora e froito da mesma son traballos como La ilustración en la Revista Nós, 1983; Julia Minguillón, 1984; Os Castelaos de Ourense, 1985; Antón Faílde, 1986; El santuario de Nuestra Señora de las Ermitas (con Antonio Bonet Correa e Miguel Ángel González), 1987; La transformación de una ciudad: Ourense 1880-1936 (con Javier Suances e Marcos Valcárcel), 1995; Julia Minguillón y Maruja Mallo. El reencuentro con la modernidad en la posguerra, 2001; ou A Arte Galega nas Coleccións de Caixanova, 2005. Entre outros moitos traballos tamén figuran colaboracións en revistas especializadas ou ponencias en congresos. 

—Con que proxecto se quedaría?

—Con ningún en especial. Foi unha grande experiencia o traballo sobre a revista Nós ou achegarme á figuras como Maruja Mallo e Julia Minguillón, pero non teño proxectos preferidos. As querencias van por etapas.

—Logo da xubilación que vén?

—Seguir traballando. Centrareime máis na faceta académica, vou comisariar unha exposición sobre as coleccións de arte do Parlamento de Galicia e teño varios proxectos pendentes.

—De onde saca o tempo?

—De organizarme e non estar nunca parada. Tiven cinco fillos en oito anos, crieinos, desenvolvín a miña carreira e aínda me quedou tempo para moitas outras cousas. E niso sigo.

Quen son: 

«Unha muller traballadora que sempre tivo paixón polo que fixo. Se desenvolvín os proxectos realizados é porque era algo que me gustaba e co que me sentía moi satisfeita á hora de traballar e de investigar. Tamén fun sempre unha persoa moi preocupada pola familia»