Marcos Lorenzo: «Un dos fíos deste libro é unha crítica a política actual, que é como una mala telenovela»

Bea Abelairas
B. Abelairas FERROL

FERROL CIUDAD

Marcos Lorenzo
Marcos Lorenzo CESAR TOIMIL

O libro «Enser» abre a nova colección da editorial Galaxia «Heterodoxos», de obras breves e de clasificación incerta

13 oct 2022 . Actualizado a las 20:06 h.

Marcos Lorenzo é técnico de cultura no Concello de Ferrol, e presenta unha obra breve, Enser, valente e moi provocadora: unha serie de aforismos amargos nos que vai retratando a realidade que o rodea. Con ela abre a colección Heterodoxos da editorial Galaxia. Advirte que rematou este libro antes de chegar a Ferrol: «Na obra hai toda unha liña de crítica da política actual, que é como unha mala telenovela. A política tornouse en espectáculo».

—Un libro moi atípico...

—Fago a broma de que me acaban de declarar como rarito, oficialmente, porque fan que este libro sexa o primeiro da colección Heterodoxos de Galaxia. Probablemente o editor non tiña onde encaixar estes textos, pero si interese en publicalos: non son poesía, nin ensaio... Na presentación de esta colección apúntase ao malditismo, o daquela xente que está nas marxes e esquecida.

—Como xorde o libro?

—Eu escribo constantemente nos meus cadernos: ideas, prototipos de ideas, e unha vez que vou acumulando certa cantidade de cadernos fago un repaso do que teño feito, e neste caso parecíame que había un fío condutor que lle dera unha consistencia e dediqueime a pulir os textos, en especial a eliminar liñas. E a darlle certa estrutura. 

—Sae a cidade?

—Estaba rematado antes de vir a traballar a Ferrol, os tempos editoriais son así. Eu vin en maio de 2020, tras un par de meses de pandemia, pero o libro xa estaba practicamente feito. Cambio constantemente de parecer, e é un hábito incorporando na miña vida: os meus cadernos son os meus confidentes, anoto sobre calquera cousa da vida, de relacións persoais a citas de psicoloxía de andar pola casa, intuicións filosóficas, reflexións antropolóxicas ou comentarios políticos.

—Que cousas o motivan máis todos estes pensamentos?

—É un libro de aforismos, de pensamentos soltos e dispersos, aínda que están agrupados en catro ou cinco liñas recorrentes: é unha mirada panorámica á miña vida e o contexto que me rodea, son contidos tan diversos...

—Cales son esas catro ou cinco ideas?

—(Ri) Tentar fuxir da infoxicación, do exceso de textos e de pantallas e de buscar a verdade das cousas. Atópoo no cotián, nas cousas tanxibles e pequenas, fuxir dos excesos da linguaxe, por iso vai bastante contra o intelectualismo. É un exercicio creativo, un pouco estraño, no que intento refutar a miña visión do mundo, de pensar distinto a como viña pensando... dalgún xeito me desdobro: hai un Marcos de atrás e outro Marcos que intenta pensar o mundo con outras coordenadas. Pensar dende un ángulo oposto: sáenme afirmacións radicais, cando eu son mesurado...

—De onde parten esas cuestións?

—O meu principal resorte ten que ver con anos da miña vida moi complicados: a morte da miña irmá, moitos problemas económicos... Unha sacudida moi importante, e a partir de aí xa non me valía a visión do mundo que tiña. O libro está escrito nun ton máis ben seco e duro, e ten que ver coa dor e o resentimento de todos eses anos.

—Haberá mais obras nesta liña, segue anotando nos cadernos?

—Seguro, o primeiro libro que publiquei, fai agora 16 anos, xa era de aforismos, microensaio e textos breves. Non paro de tomar anotacións sobre calquera aspecto da vida.

—Un tipo de textos breves que parecen complicados...

—E duros. Violentoume un pouco escribir este libro, con este ton. Tamén vou en contra dunha idea de que boa parte do que nos sucede é cultural, no sentido antropolóxico, froito deste sistema de crenzas no que vivimos. Acabo defendendo que moitas das cousas nas que nos empecinamos derivan da nosa condición animal. Esta é una das ideas que me gustou soster contra min mesmo. Veño dicindo de fondo que a natureza en nos é máis forte que a cultura, é dicir, que os contos que nos contamos para consolarnos. É unha liña bioloxicista, onde explico determinadas cousas que nos suceden en razón a nosa condición animal como simios.

—Pouco remedio ten entón a situación...

—Tamén é certo que son premisas que non sei se defenderei sempre. A obra reflicte que dentro desta dureza da vida hai un cambio de visión en tender a pensar que as persoas son boas... Así que acabo transitando para o contrario e o que predomina entre nos é algo moi primitivo, unha agresividade polos recursos, por ter a palabra...

Presentacións en Lugo e Santiago

O vindeiro venres, día 14, as 19.00 horas se presenta este libro no Club Clavicémbalo, acompañado pola música e artista Ugia Pedreira, e pola xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago. O 28 haberá presentación no pub Camalea de Santiago as 19.30 horas. Marcos Lorenzo estará acompañado de Helena Villar Janeiro e dos músicos de jazz Pablo Seoane e Benxamín Otero, que actuarán.