Ata 30.000 barcos de papel para a ría pola candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ría de Ferrol
Ría de Ferrol JOSE PARDO

O 24 será a botadura dos 30.000 exemplares dende o Arsenal

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ferrol puxo en marcha no mes de xuño unha iniciativa en defensa da candidatura a Patrimonio Mundial que invitaba a participar a todos os ferroláns a través da fabricación de barcos de papel biodegradable para despois botalos ao mar. Implicáronse no proxecto «Contamos contigo?» asociacións, particulares e estudantes a través dos seus centros educativos. Finalmente, despois de varios meses recolectando os materiais, será o día 24 de outubro cando os barcos, que xa son arredor de 30.000, se boten ao mar dende o Arsenal militar de Ferrol.

Antes do evento, entre o 30 de setembro e o 7 de outubro, abrirá ao público no centro cívico e cultural municipal Torrente Ballester unha exposición con gran parte dos barcos de papel elaborados pola cidadanía. Todas as persoas que desexen fabricar máis poden retirar o material e depositar as súas creacións nas vitrinas, tanto na entrada do concello como nas oficinas de turismo da praza de España e do porto de Curuxeiras. O obxectivo desta proposta colectiva, tal e como explicou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, é o de «implicar á poboación na defensa da candidatura ao tempo que damos a coñecer os bens que forman parte dela, especialmente aos máis pequenos da nosa cidade». A candidatura suma xa, a través da páxina web ferrolpatrimoniomundial.gal preto de 5.200 adhesións.