Día do Turismo con cifras positivas: Ferrol, terceiro punto de chegada de peregrinos en Galicia

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

O monumento máis visitado é o castelo de San Felipe, que leva 32.000 turistas no que vai de ano

27 sep 2022 . Actualizado a las 21:54 h.

A concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus, informou que as cifras de visitantes este verán foron moi positivas. O número de turistas da cidade candidata a patrimonio mundial, segundo as oficinas de turismo municipais, ascende entre xuño e setembro ás 17.226 persoas, un 11 % máis ca antes da pandemia. «O turismo tense que posicionar como segunda fonte de recursos despois da industria», sinalou a concelleira. Para celebrar o Día do Turismo, indicou que dende o Concello quixeron «poñer un grao de area» e ofrecer dúas visitas guiadas gratuítas, unha a Exponav e outra polo Ferrol Ilustrado.

Deus explicou que este verán destacou a presencia de peregrinos, tanto nacionais como internacionais, cuxa cifra xa chega aos 9.865. Isto supón un incremento do 56 % despois da pandemia. A primeira milla do Camiño Inglés de Ferrol sitúase xa como o terceiro punto de chegada de peregrinos en Galicia, despois de Tui e Sarria. En canto ás preferencias dos visitantes, veñen a Ferrol principalmente pola oferta de patrimonio, a tranquilidade, as praias e a natureza.

O monumento máis visitado é o castelo de San Felipe, que xa leva 32.000 turistas e se espera superar as 40.000 totais do pasado ano 2021. Subiu considerablemente o número de visitantes do roteiro modernista, os solicitantes das ceas en lancha na ría e as Meninas de Canido tiveron moito pulo estes meses estivais, especialmente durante setembro. Tamén este verán aumentaron as pernoctas na cidade portuaria, materia que o Concello consideraba pendente por falta de prazas hoteleiras, e ven con optimismo o novo hotel do Cantón, para o cal a concelleira augura éxito: «Cremos que le vai ir moi ben, é unha gran noticia».