Víctor Javier Pérez Baltar. «En Galicia hai rexistrados un total de 270 casos coñecidos de escravos»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

FERROL CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O vicepresidente do Ateneo lembrou nunha conferencia o caso de Ángela de Luna ou a trata de galegos por parte do ourensán Urbano Feijoo 

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Javier Pérez Baltar (Ferrol, 1961) iniciou a súa carreira profesional como médico e rematouna como catedrático de instituto. Médico de formación, exerceu como tal na súa cidade e xubilouse en Xinzo como profesor. A Limia é a súa paixón e compaxina o tempo de lecer que lle dá o feito de non estar no mundo laboral para traballar en moitas frontes: forma parte da directiva do Ateneo de Ourense, da Sociedade Galega de Historia Natural e da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas. Convidado pola plataforma NON ao peche da UPO impartiu no Liceo de Ourense a conferencia A escravitude en España e Galicia: unha historia descoñecida.

—Foi España un país escravista?

—Moi escravista. É unha historia descoñecida porque non interesaba, se agochaba ou se pasaba sobre ela de présa polo sentimento de culpa e tampouco está nos libros de texto. O primeiro que fixo un estudo serio foi un catedrático de Sevilla, Antonio Domínguez Ortiz. Titulábase Escravitude en Castela e data de 1952. Anos despois déronlle o Príncipe de Asturias.

—Falamos de algo ocasional ou dunha actividade importante.

—De grande magnitude. España levou catro millóns de escravos de África a América, máis un millón deles que quedaron aquí.

—De cando estamos a falar?

—España foi un país escravista, a trata era totalmente legal e xeraba ingresos para a raíña Isabel II —cobraba a quinta parte de cada venda, a taxa chamábase «o quinto real»—. A escravitude aboliuse en 1820 e no caso de España, aínda que se aceptou como tal a decisión, non rematou ata 1867.

—Na conferencia facía alusión ao caso galego. Houbo escravos en Galicia?

—Hai que revisar moito nos arquivos históricos, provinciais e militares para coñecer a verdadeira realidade da situación. En Galicia houbo 270 escravos. Ao menos eses son os casos constatados a día de hoxe.

—Onde foi maior a presenza?

—Na zona da costa. Cando a trata se declarou ilegal no seu país, deuse o caso de ingleses que se trasladaron aquí para poder seguir co negocio. En A Coruña había homes ilustres que os tiñan e xente que fixo grandes fortunas á súa costa. Tamén quen se meteu á trata de persoas ao ver que era máis rendible que a súa empresa.

—E na provincia de Ourense?

—Agás un deles, a maioría foron casos pequenos: cregos con escravas novas, un matrimonio que tiña unha á que lle ían dar a liberdade cando eles morreran —logo trasacordan e fan outro escrito dicindo que non «por luxuriosa»—, hai o caso dun ao que lle dan a liberdade en Ourense para ser clarinero —foron cinco en Galicia e concedéronlla polas dotes que tiñan para tocar o clarín. Traballaban para os concellos— e logo está o caso de Ángela de Luna, que recolleu Olga Gallego. Era unha escrava negra do Marqués de Ribadavia. Unha noite leváronlla ao abade de Razamonde. Como sería a cousa que escapou e apareceu en Ourense no convento da praza das Mercedes. Logo do pleito perdeuse a pista.

—O caso de Urbano Feijoo, agora novelado, é o máis importante?

—Sen dúbida. Foi empresario e político de Viana do Bolo e aproveitouse da visita de Isabel II á casa do seu irmán, que era militar da corte real, para tirar vantaxe da situación e de que os escravos estaban moi caros —pasaran de 1.000 a 5.000 reais— e ofreceulle levar galegos a Cuba para traballar como escravos. Levou 1.747, dos cales morreron 167 e 18 fuxiron. As cartas remitidas aos familiares e o escándalo remataron coa situación.

«A lagoa de Antela desecouse en base a dous argumentos que se demostrou que eran falsos»

Como lle acontece a algunhas persoas, a Víctor Javier Pérez Baltar a xubilación chegoulle vencellada a unha etapa na que o tempo non lle chega para nada. Forma parte de varios colectivos, percorre arquivos para desenvolver os seus traballos de investigación e imparte conferencias. Entre elas figura unha sobre o Ourense medieval.

—Como era a realidade daquel tempo.

—Entre os séculos XII e XIX Ourense non era máis que un núcleo pequeniño de vivendas de pallabarro que ía do convento dos dominicos —actual Facenda— ao Posío e da praza das Mercedes ao Marcos Valcárcel. Estaba todo pechado nunha améndoa de 900 x 300 metros, con trece portas e unha primeira rúa que foi a que na actualidade é Lamas Carvajal. É unha magoa que se perderan os nomes das prazas —da Leña, do Trigo, do Sal, etcétera— para mudalos por alleos —Lepanto, Trafalgar e cousas polo estilio— e tamén que se teña como está o único vestixio daquela: a Porta da Aira. A zona semella un vertedoiro de lixo.

—Tivo un premio educativo por un proxecto sobre «A esmorga».

—Pasabamos unha mañá xenial. Viña cos alumnos e o percorrido da novela servíanos para aprender historia, arte, etnografía, antropoloxía e cultura en xeral.

—No Ateneo pronunciou unha charla sobre a lagoa de Antela.

—A lagoa desecouse cos dous argumentos que son falsos: evitar epidemias a crear riqueza. Nunca houbo problemas sanitarios, os únicos casos de paludismo rexistrados foron en Ribadavia, e a zona pasou de ter 60.000 a 20.000 habitantes. Os mesmos que están acabando coa Limia recoñecen que non hai futuro porque os fillos marchan para fóra.

Un médico ferrolán, namorado do mar, que rematou sendo un limiao

Os camiños da vida son, as máis das veces, unha sorpresa coa que ninguén conta. Ferrolán, apaixoado do mar e médico, Víctor Javier Pérez Baltar rematou noutro escenario acuático, desta volta desecado, e traballando a prol da defensa da Limia e a súa riqueza natural e patrimonial. O mozo da cidade departamental fixo Medicina en Compostela. E comezou exercendo como médico. E como queira que as circunstancias da vida mudaron os seus plans —a súa moza conseguiu praza de pediatra en Ourense— o médico novo que exercía en Ferrol decidiu que o seu destino estaba algo lonxe do mar. E aquí seguen, de ourensáns militantes e, no seu caso, de limiao apaixoado.

—Por que se pasou da medicina ao ensino?

—Porque é a solución que lle vin á situación na que me atopaba. Daquela a directiva que había no Colexio de Médicos era moi particular e resulta que, segundo eles, tiña que botar dous anos sen traballar ao virme de Ferrol para Ourense.

—E cambiou de sector.

—Non podía estar parado. Presenteime ás oposicións de ensino. O primeiro ano estiven destinado na Cañiza e despois todo o tempo, ata que me xubilei, na Limia.

—O contraste tivo que ser forte.

—Unha marabilla. Dende o primeiro momento atopeime cunha xente encantadora e uns rapaces magníficos —con algúns dos alumnos aínda sigo en contacto polo grupo de whastapp—. Andiven por todos os sitios da Limia, percorrina toda e coñézoa como se fora a miña casa.

—Cambiou o mar pola lembranza dunha lagoa.

—Son un home de costa que aprendeu esquí acuático e submarinismo en Ourense. O primeiro en Castrelo de Miño e o segundo na Limia. Os meus amigos rinse de min cando llo conto.

—Non me quedou moi claro o de aprender submarinismo na Limia.

—(Ri). Xa, resulta un chisco raro. Pero a explicación é sinxela: convencín a un amigo meu de Ferrol para que nos viñera dar un curso. E tirou para aquí cargado con cincoenta botellas de osíxeno. Pode resultar estraño, pero fixemos un curso de submarinismo na piscina de Xinzo.

—Con tantos proxectos aos que está vencellado quédalle tempo para desconectar.

—Non. Agora vou a unha xuntanza da directiva do Ateneo e ando sempre enredando nalgúnha cousa. Entre os traballos que me levan a andar remexendo nos arquivos, o colectivo Santa Mariña e a SGHN e demais, o tempo non me chega a nada.

—Falando da faceta naturalista. Como ve A Limia?

—A contaminación é moi grande e comezo a pensar que non ten remedio. A das augas superficiais é máis doado combatila pero a das augas profundas é moi elevada. Iso é gravísimo e non ten fácil solución. E a xente da Limia non quere velo.

  • Quen son
  • «Un namorado da natureza e interesado, moito, pola investigación e polas pequenas historias que lle poden interesar á xente para contarllas. E alguén que está moi preocupado polo que está pasando en Galicia, onde os nosos mozos se teñen que marchar para fóra para poder gañar a vida».