Teatro, maxia e cine de autor para o último trimestre do ano en Ferrol

gala dacosta diehl FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Concierto de Ortiga
Concierto de Ortiga BASILIO BELLO

Dende o Concello procuran que a cidade non deixe de xerar actividade, con propostas pensadas para todas as idades

14 sep 2022 . Actualizado a las 10:50 h.

O concelleiro de Cultura do goberno de Ferrol, Antonio Golpe, presentou onte a programación cultural para o último trimestre do ano. As distintas actividades propostas pretenden seguir na liña das festas de verán deste agosto recén finalizado: unha firme aposta pola calidade e tamén pola dinamización cultural e económica da cidade.

Tal e como explicou o concelleiro durante a presentación das actividades, «unha programación de calidade repercute na actividade económica de Ferrol». Insistiu en que había tempo que non vía a urbe tan chea de vida e tan activa como este último verán, no que converxeron factores como o pulo turístico e as distintas ofertas culturais e de ocio de Ferrol e a súa comarca.

Meses de ficción e fantasía

Dende este mes, entrado xa o último trimestre do ano, o Concello quere que a cidade non deixe de xerar actividade, con propostas pensadas para todas as idades. «Quixemos facer unha forte aposta polo teatro», explicou Golpe. De feito, nestes próximos meses, o Torrente Ballester, o Teatro Jofre e o Ateneo Ferrolán, entre outros equipamentos culturais, contarán con máis dunha decena de espectáculos dramáticos.

Ferrol convertirase tamén nun punto de reunión para a fantasía e a ciencia-ficción durante a celebración dos 40 anos do congreso Hispacón, que terá lugar en outubro. Tamén nesta liña, o concelleiro destacou onte o desembarco de magos de todo o mundo durante o festival de maxia Galicia Ilusiona o 17 deste mes, coas entradas xa esgotadas, seguido pola estrea de Inventio o día 31 e pola actuación do mago Jandro o mes próximo, nesta ocasión no Auditorio.

Tamén haberá outros pratos fortes que traspasan fronteiras e veñen dende outras partes do mundo, como por exemplo a comedia do neoiorquino Leo Bassi, Yo, Mussolini, que terá lugar o 5 de novembro no Jofre.

E ademais de teatro, Ferrol encherase de música para todas as idades. O 19 de novembro, os máis «verbeneros» poderán disfrutar da orixinal proposta do compostelán Ortiga no Teatro Jofre, e tamén volven as aclamadas sesións no Torrente Ballester coñecidas como Os xoves na capela, con artistas da talla de Ángeles Dorrio e Sabela King. O centro contará tamén con propostas como a exposición de Ángel Manso e Sofía Piñeiro, Gerundios y respiros, ou coa Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, xa en decembro.

Golpe salientou tamén o pulo necesario que merece o cinema Dúplex, que o edil insistiu en tildar de cinema de calidade, valente e comprometido. É a única sala de exhibición cinematográfica en activo de todo Ferrol. En breves retomarase o ciclo Petís Dúplex, cuxa programación será semestral e está dirixida aos cativos.

Na xornada de onte na que a gran pantalla perdeu ao creador da Nouvelle Vague, Jean-Luc Godard, fíxose mención tamén ás sesións da Retrospectiva Agnès Varda dedicadas á tamén finada cineasta gala. As entradas están dispoñibles de balde 15 minutos antes das sesións. Ata final de ano, os amantes do cinema de autor poderán seguir disfrutando dunha das maiores directoras contemporáneas.