Un home tranquilo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

03 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de maio fixéronme unha pequena intervención cirúrxica na parte alta da cabeza. Quitáronme un bisté e no buraco enxertaron outro que me sacaron dun brazo. Dúas feridas que en opinión da médica e das enfermeiras que me atenderon curarían en pouco tempo. Eu sabía que non sería así porque sempre fun de mala cura, e tiven razón. A do brazo tardou máis do previsto, pero cerrou; a da cabeza aínda non, malia recibir dúas veces á semana o tratamento dunha profesional competentísima e experimentada, que pasma ante o moito que a ferida «dá a matraca». O xoves díxome: «Menos mal que es home tranquilo». E eu asentín, porque son; pero a todo hai quen gañe e, se tivese que poñer un exemplo de home tranquilo, citaría o meu amigo Tolín Varela, compañeiro na Oficina Técnica de Bazán, en Ferrol. Era pequeno, gordo e feliz; ría moito, camiñaba sempre coas mans no cu e confiaba nos médicos, en todos os médicos; quizais porque un irmán máis novo era xinecólogo.

Un día infectóuselle a unlla do dedo gordo dun pé e foi consultar no ambulatorio cun coñecido cirurxián.

—Iso non é nada. Fágoche un raspado agora mesmo, e quedas novo.

Fíxolle o raspado e tres días despois o dedo estaba peor. Volveu ao médico que, logo de miralo, comentou:

—Vese que che fixen un raspado moi superficial. Vouche facer outro máis profundo e xa quedas ben.

A escena repetiuse varias veces. Tolín Varela xa non podía poñer o pé no chan cando o cirurxián falaba entre dentes:

—Pois mira que se resiste, eh!

E Tolín Varela preguntoulle:

—Pero por que non mo corta?

—Xa o pensei, home. Se fose outro dedo xa cho tiña cortado, pero o dedo gordo éche moi necesario para andar.

Fíxolle outra cura e alá foi Tolín Varela escaleiras abaixo, coxeando e agarrado ao pasamáns. No portal atopou o irmán que, sorprendido, dixo:

—Pero aínda estás así? Ven comigo agora mesmo.

Levouno a outro cirurxián, que lle fixo un novo raspado, e o dedo curou.

Meses despois, Tolín Varela topou na rúa co primeiro cirurxián que, moi interesado, lle preguntou:

—Que, Varela; que tal o dedo?

—Ah, estupendo; xa ve que ben ando!

—Déixame que o vexa!

Metéronse nun portal e Tolín Varela mostroulle o dedo.

—Ah, moi ben! —asentiu o médico—. E concluiu:

—O cabronazo deunos a lata, pero ao final quedou ben.

—Si, si, perfectamente! —concedeu Tolín Varela—, e marcharon os dous contentos.

Tolín Varela contóunolo a un grupo de seis persoas, e catro alporizáronse:

—E non o desenganaches?

—Pois eu diríalle…!

So Tolín Varela e eu pensamos que fixera o correcto. Éramos homes tranquilos.