Xosé Lois Braxe: «Preservar o ecosistema para as xeracións futuras é unha obriga da sociedade enteira»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

kiko delgado

Afirma que «a natureza, se a coidas, ten una extraordinaria capacidade de rexeneración»

08 may 2022 . Actualizado a las 23:24 h.

Xosé Lois Brage (Ferrol, 1970), oficial da Policía Local de Ferrol, leva décadas colaborando, desinteresadamente, en todo tipo de iniciativas destinadas a mellorar a protección dos ecosistemas galegos e a fomentar, entre o conxunto da cidadanía, a toma de conciencia sobre o verdadeiro valor do patrimonio natural. Criminólogo de formación, ademais de experto en artes marciais, compaxina o seu labor profesional coa permanente defensa da fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Dono dunha granxa dedicada a recuperar especies gandeiras autóctonas, poucas persoas coñecen, como coñece el, os espazos naturais de Ferrolterra. Agora é o oficial responsable da Unidade de Protección do Medio Ambiente da Policía Local ferrolá. Afirma que «preservar o ecosistema para que as xeracións futuras poidan disfrutar del é unha obriga da sociedade enteira»

—E a sociedade, no seu conxunto, é consciente diso?

—Non me atrevería a dicir que a sociedade no seu conxunto estea a tomar conciencia da importancia de coidar o ecosistema. Pero o que creo que si se pode dicir, porque cada día é máis evidente, é que hoxe hai moita máis xente interesada en preservar o medio ambiente da que había, por poñer un exemplo, hai vinte ou trinta anos. Nese sentido, avanzamos. E seguiremos avanzando.

—Moitos ecosistemas galegos sufriron xa danos irreversibles.

—Non me gusta falar de irreversibilidade. A natureza, se a coidas, ten unha extraordinaria capacidade de recuperación. E hai que traballar en positivo.

«Aves como a píllara das dunas son un tesouro que hai que saber valorar»

Di Braxe que «aves como a píllara das dunas son un verdadeiro tesouro que hai que saber valorar». E afirma que «o feito de que unha especie así, que xa desapareceu de gran parte do que foi o seu territorio natural, aínda se poida ver no noso litoral, é marabilloso». E afirma que «ás veces hai sectores de poboación que non valoran suficientemente o patrimonio natural non por falta de sensibilidade, senón porque quizais non se lles soubo explicar ben a extraordinaria importancia dos nosos ecosistemas, do noso territorio».

—A zona rural de Ferrol posúe un patrimonio natural magnífico.

—Un patrimonio formidable, realmente excepcional. Pero gustaríame apuntar algo...

—Dígame.

—Cando falamos de patrimonio natural, case instintivamente tendemos a pensar en áreas rurais. Pero tamén nas cidades hai un patrimonio natural valiosísimo. Non hai mais que contemplar as árbores de Ferrol para comprobar iso. Ou a fauna, que a cidade tamén a ten. Por iso, da mesma maneira que temos que estar pendentes na zona rural de cousas como que o mal uso das pistas forestais non acabe por provocar destrozos, nas cidades temos que controlar os niveis de ruído, que tamén son contaminación. Hai moito por facer.

—E co aire, que ocorre...?

—Loitar contra a contaminación do aire e das augas é outra das nosas máximas prioridades. Desde o primeiro momento.