Ferrol e a memoria histórica

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

siro

10 may 2022 . Actualizado a las 15:32 h.

Ía falar do dúo Putin-Cirilo, pero vexo na Voz do día 27 un artigo titulado González Llanos e a memoria histórica, de Manuel Monge e aínda que me gustaría non tratar nunca máis da moción presentada o día 2 polo colectivo de presos na Ditadura, o BNG e FeC no pleno da corporación municipal de Ferrol para que se retire a José María González-Llanos o título de fillo predilecto da cidade e a estatua que o representa, non quero deixar de comentar este artigo que ten moito de pompa de xabón e de cortina de fume.

Debo dicir que coñezo a Manolo Monge desde hai corenta anos, sinto por el afecto e simpatía e respecto o seu labor de investigador sobre personaxes encumbrados no franquismo, que non deben selo en democracia. O que pasa é que Manolo Monge saíu lanzado, perdeu os freos e empezou a meter no mesmo saco ao militarote que animaba a sementar o terror e a eliminar sen escrúpulos nin vacilacións a quen non pensase coma os sublevados, e os cidadáns que apoiaron o alzamento porque estaban fartos da República, que eran moitos e moitos deles boa xente.

A moción contra González-Llanos presentouse porque Manolo Monge e os seus representados crían que estaba entre os oficiais do buque Canarias que bombardeou a poboación civil que fuxía de Málaga, en febreiro de 1937. A metedura de pata foi enorme porque Llanos desembarcara en novembro do 36 e Manolo Monge publica este artigo que é un alarde de palabrería envolta en nubes de fume para seguir creando dúbidas arredor do personaxe. A que vén comentar que González-Llanos apoiou a rebelión e recordar que en Ferrol houbo 1.000 vítimas? A que contar que o destrutor republicano Almirante Ferrándiz foi afundido polo Canarias cando Llanos era oficial e que os 17 supervivintes foron fusilados? Foron fusilados si, pero meses despois; non pola tripulación do Canarias. Tamén os buques republicanos afundiron o destrutor franquista Baleares, causaron 780 mortos e a aviación republicana bombardeou o buque inglés que tentou salvar os náufragos. Así de cruel foi a Guerra Civil.

O problema está en que hai quen cree que a media España que se rebelou contra a República non merece o respecto da España democrática. Unamuno, Ortega, Marañón, Pío Baroja, Pla, Camba, Cunqueiro, Torrente, Ridruejo… non deberían ser recordados en rúas e prazas. Iso si, as dedicadas aos responsábeis e animadores dos crimes na retagarda republicana, esas nin tocalas.