Guillermo Llorca: «Presentamos o sétimo volume dunha colección que narra a historia cotiá, a que non é institucional»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Guillermo Llorca
Guillermo Llorca JOSE PARDO

Embora publica Memoria histórica do Ferrol de fora de portas: praza de España, Recimil, Inferniño, San Xoán da Filgueira, Santa Mariña e Caranza

23 abr 2022 . Actualizado a las 18:23 h.

Guillermo Llorca presentou onte Memoria histórica do Ferrol de fora de portas: praza de España, Recimil, Inferniño, San Xoán da Filgueira, Santa Mariña e Caranza. É o sétimo volume da colección de Edicións Embora que reflexa a historia mais cotiá dos barrios. Un conxunto de libros que xa abordaron 153 temas en máis de 2.000 páxinas escritas por 155 persoas que podían documentar anacos da vida na cidade. Moitos destes artigos son do propio Guillermo Llorca, que onte estivo no primeiro día da Feira do Libro e pronto levará a presentación a Doniños, Esmelle e Covas.

—Esta é unha colección coral...

—É un traballo no que participa moita xente, persoas que teñen acreditado a súas competencias. O único que miramos é que teñan un traballo rigoroso, despois uns publican en galego e outros en castelán. No 2015 foi Ferrol Vello, despois pasamos a Esteiro, logo A Magdalena, o cuarto sería Canido, fomos a A Graña e despois a Serantes. Este último está adicado o Ferrol fora de portas, é dicir, ao Ferrol máis alá das murallas do século XVIII, desde a Porta Nova, Recimil, Caranza, os ensanches, San Xoán da Filgueira e Santa Mariña. Os barrios da periferia da nosa cidade.

—Terá continuidade?

—Agardamos que si, porque están tendo moita acollida e algúns xa van pola segunda edición e trataremos de completala nos anos vindeiros. O que pretendemos é facer un traballo ambicioso e con un carácter divulgativo. Non é de tese de doutoramento, dalles un carácter divulgativo. Estámolos presentando en cada barrio, porque a idea tamén pasa por saír un pouco de centro. Non todo debe ser o barrio da Magdalena.

—Que barrios son máis descoñecidos pola súa historia?

—O que sempre tratamos é facer unha historia na que entre a xente do común, tratamos de falar de temas como os cines da periferia urbana de Ferrol, que é un dos traballos que levamos neste volume. Sempre atendemos a asuntos como o deporte, o cotián, como os bailes que había en certos lugares e que están desaparecidos. Aínda que tamén tratamos asuntos como as igrexas ou a arte. Todo é historia.

—Memoria sentimental...

—Non todo é o modernismo e o Arsenal, neste volume hai un artigo que adico ás casas de merendolas que había nos arredores da cidade e onde ían as familias a pasar os días libres ou unha tarde. En toda a zona de Ferrol había merendoiros aos que se ía ao volver dunha festa ou da praia. Toda historia cotiá, que non é institucional, non se coñece, e ten o seu espazo nesta colección. Neste último volume trátanse 25 temas e colaboran 26 persoas, é dicir, é unha visión moi plural, nada monolítica. Van t emas coma os do centro social de Santa Mariña, perseguido no franquismo, o crecemento de Caranza, cando se abre a ponte das Pías ou a loita dos cregos na resistencia.

—Como seguirá esta enciclopedia da historia ferrolá?

—En principio queda pendente o Ferrol de murallas adentro, a zona dos arsenais e Doniños, Esmelle e Covas. Queda traballo importante por facer.