En 1911 dicía Julio Camba nunha crónica de Londres: «Si yo encontrase un socio capitalista, fundaría inmediatamente una religión». Despois explicaba que en Londres nace cada día unha relixión nova. Abonda que un tipo vaia o domingo a Hyde Park envolto nunha saba, suba a un caixón, acenda unha vela, empece a largar e, cabo dun mes, a nova relixión terá adeptos para facela rentable.
Coas novas tecnoloxías da comunicación o lanzamento de calquera crenza é hoxe moito máis doado e os resultados espectaculares. Velaí a Lei da Memoria Histórica, que moitos recibimos con alborozo, convertida polo sectarismo político nun credo cos seus dogmas e misterios; en realidade, nunha beatería. Dos dogmas, os dous primeiros din: «Todos os republicanos eran bos e todos os franquistas eran malos» e «os mesmos crimes foron menos crimes cometidos polos republicanos que cometidos polos franquistas». Por iso no memorial que Manuela Carmena empezara a construír no cemiterio da Almudena en homenaxe aos 2.937 represaliados polo franquismo en Madrid, entre 1939 e 1944, figuraban os nomes de numerosos chequistas coñecidos pola súa crueldade. Aos franquistas, en troques, aplícaselles o rigor dos vellos estatutos de limpeza de sangue.
Cando a poboación civil de Málaga fuxía da cidade, asediada polos nacionais, foi bombardeada polo buque Canarias, onde servía como oficial o enxeñeiro José María González-Llanos. Aquela atrocidade inexplicable pareceulles razón abondo a Manuel Monge, paladín na erradicación dos vestixios do franquismo en Galicia, ao BNG e a FeC, para levar ao pleno municipal de Ferrol unha moción pedindo que se lle retirase o título de «fillo predilecto» e a estatua que o representa sinalando os estaleiros de Bazán, que dirixira; e de Astano, que creara. O problema do centro esquerda é o medo a non parecer esquerda, e o do centro-dereita o medo a parecer dereita reaccionaria; e así, con eses medos, PSOE e PP tragan mocións disparatadas que a demagoxia presenta en toda España. Pasou en Ferrol e a moción aprobouse. Eu cualifiquei os edís de insensatos e confiei en que Ferrol non o consentise. E non o consentiu. Foi tal o cabreo da cidadanía, que 24 horas despois o alcalde e o líder do PP recoñecían públicamente que a moción os collera cos calzóns baixos, pero non terá consecuencias e José María González-Llanos seguirá sendo fillo predilecto da cidade e a súa estatua na Avenida de Esteiro. A pallasada rematou co triunfo da cidadanía por goleada.