10 de marzo de 1972

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Ferrol recórdase solemnemente a traxedia que hai 50 anos nos marcou para sempre a todos os ferroláns. Velaí o relato dos feitos.

As tres factorías de Bazán negociaban un convenio conxunto. A comezos de marzo, Cádiz e Cartaxena asinaran o acordo, pero Ferrol quería un convenio autónomo; varios enlaces sindicais foron expedientados e negóuselles a entrada na empresa. Na mañá do día 9, un tentou entrar e os gardas impedíronllo e metérono na caseta. O enlace berrou que estaba a ser maltratado e produciuse a mobilización. Centos de operarios con buzo azul percorreron talleres e oficinas pedindo solidariedade e a media mañá tres mil traballadores estaban ante o edificio de dirección para protestar pola agresión ao compañeiro e esixir unha solución ao convenio. Ás doce, o director, Gabriel Martorell, advertiu aos representantes sindicais de que se estaba a facer unha ocupación ilegal e se non volvían aos centros de traballo, chamaría á policía. En votación a man alzada decidiuse continuar. Ás catro e media saíu o director ao balcón e explicou que os galegos eramos bos traballadores, pero pouco prácticos; el, como bo valenciano, érao e sabía que ás veces toca gañar e outras perder. Aquel día aos traballadores tocáballes perder e debían volver ao traballo.

A xente de máis idade empezaba a marchar, pero Rafael Pillado preguntou a berros: «Pero que dixo este señor?». E a asemblea mantívose íntegra. Ás cinco, os representantes recibiron un escrito de dirección esixindo o desaloxo inmediato e minutos despois escoitouse unha corneta e apareceron os grises repartindo toletazos como posesos entre a xente collida por sorpresa. Rematado o desaloxo, a explanada presentaba un aspecto estarrecedor con centos de zapatos espallados polo chan, que expresaban o dramatismo da fuxida.

O día 10 as portas da factoría estaban pechas e, a proposta dos líderes sindicais, acordouse marchar a Perlío e pedir a solidariedade de Astano. Eran moitos, quizais un par de miles; pero nas Pías estaban os mesmos policías nacionais cortándolles o paso. Os traballadores atacaron con pedras, os policías con balas. Daniel e Amador caeron mortos e puideron morrer moitos máis, porque os feridos pasaron do medio cento.

A cidade paralizouse, pero de contado empezaron as detencións e as torturas na comisaría de policía, con especialistas chegados de Madrid. O bispo Arauxo, aguilloado por varios curas comprometidos, autorizou unha homilía que provocou a ira dos franquistas ferroláns.

Os líderes de CC.OO. foron ao cárcere e a Amor Deus nin sequera se lle permitiu asistir ao enterro do fillo, un neno morto en accidente. Anos despois, Gabriel Martorell marchou a Madrid e en Ferrol correu o rumor de que ía roído polos remorsos, pero non era certo. Nin entendeu as críticas que no 72 lle chegaron do seu entorno por ordenar o desaloxo, nin en Madrid mostrou nunca o menor arrepentimento. E aquel home que debería pasar á historia de Bazán por ser un excelente enxeñeiro que creu na nosa construción naval e convenceu ao Goberno para facermos buques punteiros, valorados internacionalmente; que tivera a feliz idea de vencellar nun plan de cooperación a Mariña e o INI, positivo para ambos; só é recordado na cidade como o único director que autorizou a entrada da policía na factoría.

Morreu en 2010, o 28 de Nadal, día dos Santos Inocentes. El non era.