Antón Cortizas: «O máis triste é que, por desgraza, a lingua galega perde falantes sen parar»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Di que «o noso idioma esmorece, sobre todo, por un problema de autoodio»

22 nov 2021 . Actualizado a las 09:32 h.

Antón Cortizas (Ferrol, 1954), autor de títulos como O merlo de ferro e Contos de vento e de nunca acabar, é un dos autores máis galardonados da literatura infantil galega. Despois de toda unha vida dedicada ao ensino —sempre compaxinou o seu labor como mestre coa creación literaria—, di que non sente nostalxia do tempo pasado, aínda que bota de menos «a aula, falar cos nenos e as nenas», e formar parte do proceso educativo, procurando transmitir, á vez, coñecemento e valores. O seu próximo libro, unha antoloxía dos seus versos, verá a luz en portugués.

—Que supón para vostede o feito do que o seu novo libro se vaia editar en Portugal?

—Home, pois unha alegría grandísima. Sinto un gran afecto por Portugal e pola súa cultura. Gardo un recordo fermosímo do tempo que vivín alí, que foron seis anos. Ademais, eu creo que Portugal é, para a nosa cultura, unha esperanza.

—En que sentido?

—Mira, o que eu vexo, por desgraza, o máis triste, é que a lingua galega perde falantes sen parar. A un ritmo terrible. E, nestas circunstancias, eu penso que se a nosa lingua acaba por perderse en Galicia, polo menos quedará o consolo de que as nosas palabras seguirán vivindo en Portugal, aínda que sexa cunha fonética un pouco diferente.

—A que se debe, esencialmente, a perda de falantes do galego?

—Hai que ser claros: o noso idioma esmorece, sobre todo, porque en Galicia hai un problema de auotoodio. Un problema de autoodio moi grave. Vivimos nunha absurda estupidez intelectual.

«Como cidadán, non teño por que renunciar ás raíces da cultura da que procedo»

 «Quizais ás veces as miñas palabras poidan parecer demasiado duras —di Antón Cortizas—. Pero cheguei a unha idade na que me parece que xa non teño por qué calar o que penso. Por iso digo —engade— que non podo nin comprender nin aceptar o autoodio que nos invade aos galegos. E que eu, como cidadán, non teño por que renunciar ás raíces da cultura da que procedo».

—A situación do galego é irreversible?

—Probablemente non. E ademais quero pensar que non porque eu son, en moitos sentidos, un optimista, e prefiro pensar iso. O mundo está cheo de exemplos de que unha lingua que atravesa unha situación difícil pode ser recuperada si de verdade se quere recuperar. Aí está o exemplo de Euskadi. Pero para lograr iso en Galicia habería que cambiar moitas cousas.

—E por onde habería que empezar?

—Por tomar conciencia. E da mesma maneira que tomamos conciencia de que non está ben tirar unha bolsa de plástico á rúa, teriamos que asumir que destruír o noso patrimonio cultural, o patrimonio que nos fai galegos, tampouco está ben. E aquí hai un problema gravísimo...

—Cal?

—A falta de transmisión da lingua aos máis novos. Pero eu estou moi orgulloso de que as miñas fillas sexan galego falantes, sobre todo sendo consciente do esforzo que fixeron, porque todo vai sempre en contra do galego.

«Galicia está chea de creatividade, e iso vese tanto na literatura coma en todas as artes»

Afirma Antón Cortizas que Galicia «está chea de creatividade», e que iso se ve «tanto na literatura coma en todas as demais artes». Na súa opinión, é algo que está fondamente asentado na alma do país. E, por suposto, un patrimonio que debería saber valorar a sociedade enteira.

—Para que serve a literatura?

—Pois, desde a perspectiva dun lector, diríache que é evidente que a literatura fai mellores as nosas vidas. E desde a perspectiva dun escritor creo que poder crear mundos que non existen, e que estamos desexando habitar, é algo absolutamente marabilloso.

—Que é Canido para vostede?

—Canido é o barrio no que nacín e no que sigo vivindo hoxe. O lugar no que quero estar. É certo que cando vivín noutros sitios tamén me sentín moi ben neles, pero para min Canido é algo moi especial.

—E Ferrol, no seu conxunto, que lle parece?

—Ferrol é unha cidade estupenda, moi agradable para vivir. Unha cidade na que tes de todo e na que está moi cerca todo. Hai problemas, claro, coma noutras moitas cidades, pero ás veces penso que os ferroláns seguimos sen aprender a quererlle de verdade á nosa cidade. Dá a impresión de que a miúdo non sabemos valorar e darlle aprezo ao que temos. Volvemos ao de sempre: se cadra un dos nosos maiores defectos é que non sabemos querernos a nós mesmos, porque ademais pensamos que o mellor sempre é o de fóra. E por iso pasan, tantas veces, as cousas que pasan.

—Vostede foi un mestre verdadeiramente vocacional.

—Por suposto. Totalmente vocacional. Quixen ser mestre, e sempre fun moi feliz sendo mestre. Creo que é unha das profesións máis fermosas que existen. O traballo na aula, o ensino, é moi gratificante.