Manuel Lorenzo Ramos: «A Galicia rural pode ter un gran futuro se defende a súa paisaxe e a súa cultura»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Manuel Lorenzo Ramos, diante do muíño do Outeiro, ao pé do Camiño do Mago Merlín
Manuel Lorenzo Ramos, diante do muíño do Outeiro, ao pé do Camiño do Mago Merlín CESAR TOIMIL

É un dos impulsores do Proxecto Esmelle, en Ferrol, e afirma que un pobo que prescinde das súas raíces perde tamén o horizonte

18 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Lorenzo Ramos (77 anos) é un dos principais impulsores -e foi un dos fundadores- do Proxecto Esmelle. Unha iniciativa destinada a fomentar a recuperación do patrimonio, tanto material como inmaterial, do mundo rural galego, que fixo da parroquia ferrolá que lle dá nome un modelo a seguir por entidades de todo o país. «A idea xurdiu arredor do 2003 -lembra Lorenzo Ramos-. Daquela, xunto con xente como Rafa [en alusión a Rafael Fernández Beceiro], empezamos a falar do bo que sería poder recuperar un patrimonio coma o dos muíños, ademais dos recordos da xente, as súas vicencias. No 2005 empezamos. E todo o demais foi vindo despois, pouco a pouco». «Sempre dixemos -anota- que a Galicia rural pode ter un gran futuro se defende a súa paisaxe e a súa cultura».

-O Proxecto Esmelle suma, a día de hoxe, un gran número de galardóns. Pero, como foron os comezos?

-A ver. O primeiro que teriamos que dicir é que, desde o primeiro momento, atopamos o apoio de moitísima xente. Practicamente da parroquia enteira. Pero ao principio había algunhas reticencias, claro. «Coidado, que se vos van quedar cos muíños», dicía alguén. Pero esas reticencias desapareceron enseguida. E hoxe todo é entusiasmo polo Proxecto Esmelle na parroquia enteira... e tamén fóra dela.

-E seguen traballando...

-Si, claro. Coas nosas propias mans. Amañando edificacións tradicionais, plantando árbores autóctonas e creando bosques. Merece a pena, a verdade é esa.

«Durante o confinamento, todo o mundo comezou a envexar a vida no campo»

«Desde que apareceu o covid, con todas as restricións que trouxo consigo, e sobre todo durante o confinamento -comenta Lorenzo Ramos-, todo o mundo comezou a envexar a vida no campo. Nos momentos de dificultade é cando aprecias a importancia de vivir nun entorno natural ben coidado. E hoxe Esmelle é un paraíso, como pode ver calquera».

-Vostede, que foi traballador de Bazán, e durante un tempo ademais concelleiro, naceu en Esmelle, pero pasou boa parte da súa vida vivindo na cidade. Botaba o mundo rural de menos?

-Claro que o botaba de menos. E, de feito, pasaba en Esmelle todo o tempo que podía. Ata que por fin decidín quedarme aquí todo o ano, non só no verán e nas fins de semana. Para min isto non é só un lugar no que vivir. É unha maneira de vivir.

-Levan recuperado vostedes unha ducia de muíños...

-E non só muíños. O que nos interesa é que non se perda a arquitectura tradicional no seu conxunto. A fórmula é que os propietarios ceden durante un tempo a construción, nós restaurámola entre todos, e así evítase a desaparición dun patrimonio moi valioso. Pero hai algo do que non me querería esquecer, tampouco.

-Dígame.

-Do traballo que se fixo, sobre todo cos rapaces, para preservar os recordos de moita xente maior que, na súa maioría, xa non está. Gardar a memoria de toda esa xente paréceme importantísimo.

«En Esmelle, Merlín xa é parte das nosas vidas, como todas as grandes lendas»

Nun dos moitos espazos singulares recuperados polo Proxecto Esmelle está a emblemática escultura de Merlín, elaborada, con pezas cerámicas, por Francisco Pérez Porto. Unha obra pola que os veciños -e non só os veciños- senten un especial afecto. «A figura de Merlín, en Esmelle, xa forma parte das nosas vidas, e está moi presente nelas, como todas as grandes lendas», di Manuel Lorenzo Ramos.

-Van abrir vostedes, ademais, un museo dedicado ao traballo de Francisco Pérez Porto...

-Así é. Recuperando, tamén, outra construción tradicional. Nós temos unha relación moi estreita con Francisco Pérez Porto, que ademais de ser o gran ceramista galego do noso tempo é un artista que sente por Esmelle algo moi especial. Un afecto que, por suposto, é correspondido. Hai outro aspecto máis do Proxecto Esmelle que tampouco me gustaría esquecer, e é como este territorio noso, na medida na que se foi convertendo nun exemplo de recuperación da cultura tradicional galega, do noso medio natural e da nosa paisaxe, tamén se foi transformando nun espazo de referencia para creadores de diversos ámbitos, como é o exemplo de Pérez Porto. E Merlín representa o noso vínculo con toda a tradición literaria atlántica, ademais dunha reivindicación da obra de Cunqueiro.

-Cal é a principal dificultade á que se enfronta o Proxecto Esmelle hoxe?

-Temos un problema que é compartido por todo o mundo rural: o envellecemento da poboación, que fai que non sexa fácil atopar xente nova para que as cousas teñan continuidade.

-E como se soluciona ese problema?

-Pois apoiando ao mundo rural no seu conxunto, non abandonándoo á súa sorte. Se os rapaces teñen traballo, non marchan.