O sobranceiro carballo ferrolán

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

FERROL CIUDAD

17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que moitos de vostedes, cando soben ou baixan pola rúa de Terra, ao chegaren a metade da costa, quedan abraiados ao ver unha maxestosa árbore que pola súa beleza e porte non pasa desapercibida a ninguén e supoño que todos saberán que trátase dun carballo, unha árbore autóctona. Máis se continúan paseando por outras rúas, avenidas, prazas ou parques de Ferrol, daranse de conta que o 99 % das árbores que atopan son tan alóctonas como a avespa velutina, máis a diferenza deste avespón, que é do sueste asiático e que foi introducido accidentalmente en Europa no porto de Bordeaux, as árbores ferroláns son maioritariamente norteamericanas e foron introducidas voluntaria e conscientemente; esta postura pode ser debida a que en Ferrol sempre se valorou moito máis o de fóra e non esa porcallada de árbores do noso país. Dende o século XVI, creáronse en moitas cidades europeas os xardíns alameda, que tiñan unha finalidade ornamental e en certa medida didáctica, ao amosaren árbores é arbustos de moitas partes do planeta que eran descoñecidos aquí. Pero en Ferrol, esa política de xardinaxe, non só se practicou nas alamedas e parques en séculos anteriores, senón que invadiu toda a cidade e barrios rurais ata a máis recente actualidade, hoxe, na Era Dixital. As carballeiras ou soutos, tan propios das prazas de vilas e cidades de Galicia, en Ferrol foron erradicados, como o souto da praza da Graña, na que os castiñeiros foron eliminados para plantar a Falsa Acacia, orixinaria dos montes Apalaches de USA, árbore moi estendida noutras áreas da cidade, coma na rúa dos Irmandiños, en ringleira ao muro dos Arsenais, e tamén, entre outros, na praia da Cabana. Amplas zonas da cidade foron enfeitadas con padrairos (Cantón, alameda do Carbón), magnolios e tilos (Cantón), palmeiras (Amboage, Porto) e unha chea doutras máis. Moitos argumentan que para ver as árbores autóctonas, pódese ir ao monte, sen decatarse que os nosos montes tamén están arborados doutra especie alóctona invasora, o eucalipto, e que consecuentemente non hai xeito de ver en Ferrol: unha carballeira, un souto, un bidueiral, un amieiral ou un salgueiral. Se a isto engadimos que o noso Concello é un acérrimo defensor das árbores alóctonas: «os tilos americanos da praza de Armas, rememoran ás alamedas tradicionais que temos na cidade como o Cantón ou a Praza do Carbón» supoño que agora entenderan o porqué do título deste artigo. Agardemos que o Concello non mande á brigada de xardineiros municipais, armados de motoserras, para cortar o sobranceiro carballo da rúa da Terra, coa fin de facerlle sitio a un espléndido e sensacional tilo americano, orixinario do leste de Norteamérica, e que sirva de limiar aos seus conxéneres da praza de Armas, para que o vexan os turistas que baixen pola rúa e así, ao tempo, eliminar á postremeira árbore aborixe ferrolá. Para rematar, propoño que para evitar as poeiras e lameiros, poderíase plantar toda a praza de Armas cos plumeiros da Pampa que o Concello cultiva na Cidade Xardín e nos tellados do mercado, e que teñen a gran singularidade de seren tamén unha planta alóctona, o que imaxino tamén agradará ao noso Concello.