Isabel Picos Barro (San Sadurniño): «Coa reforma do bar subín de división, agora estou na Champions League»

ANA F. CUBA SAN SADURNIÑO / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Igrexafeita recupera un dos seus locais, que logo vai ser o único. O antigo Xayda transformouse na parrillada María Queira, que segue rexentando A filla do ferreiro

20 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu tiña un bar, era unha taberna moi antiga, chovía dentro, un desastre... pero tiña uns clientes de toda a vida... e agora fixéronme isto, unha parrillada». Estes están sendo días de moita emoción para Isabel Picos Barro (Igrexafeita-San Sadurniño, 52 anos). Logo dun ano pechado, por mor da pandemia e das reformas, o xoves volveu acender a cafeteira do local no que traballou, case día e noite, durante máis de tres décadas. Comezou de empregada, e aos quince anos colleu as rendas do negocio. Segue de aluguer, despois de que o propietario acometera as obras que ela lle propuxo, «e que tanto necesitaba».

O vello bar Xayda transformouse na parrillada María Queira. «Coa reforma subín de división, agora estou na Champions League», ri, moi contenta pola volta e por reencontrarse cos seus clientes. Igrexafeita recupera un dos seus locais, que logo será o único que quede. «O bar do lado é unha casa de comidas, Casal, son dúas irmás e vanse xubilar. Levan con el toda a vida, os seus pais xa tiñan un restaurante e despois quedaron elas, di miña nai que unha leva na cociña desde os 14 anos», conta, con admiración polo traballo alleo. «É moi boa a competencia, gústame que teñamos xente todos».

Aos veciños tardáballes a reapertura -«coñéceme todo o mundo e estaban desexando que volvera abrir»- e a Isabel, a do Xayda, como a coñecen moitos, tamén. Confesa que o ascenso, seguindo co símil futbolístico, lle dá algo de vértixe: «Ao primeiro só faciamos bocadillos... agora subín dous peldaños». O establecemento ten 170 metros cadrados, entre o bar e o comedor, e o xoves moitos clientes xa querían reservar mesa para esta fin de semana. Pero ela prefire ir «pouco a pouco», da man dos tres empregados, aos que agradece moito a súa dedicación.

Tortilla, lacón asado e liscos

Xa moito antes de pechar daban comidas. «Empezamos por mor dos camioneiros do carbón [que facían a ruta desde As Pontes ao porto de Ferrol, durante anos pola estrada que pasaba por diante do bar e despois pola autovía], aos que empezaban traballar máis cedo tocáballes facer o descanso obrigado ás dez, e traían fame. Facíalles tortilla, lacón asado, liscos... prestáballes», relata. A cousa foi indo a máis, cunha parrilla que pouco ten que ver coa nova. Co parón da térmica, os transportistas deixaron de ir. «Pero aínda así o xoves, cando abrín, viñeron moitos, dicíanme ‘agora que pechou a central mira que local tes!'», comenta.

«Empezamos dar comidas por mor dos camioneiros do carbón, que tiñan que descansar»

Eliseo Barro, pontés de 45 anos, é un daqueles camioneiros que paraban no Xayda. «Ela [por Isabel] daba ese servizo moi cedo, víñanos moi ben porque en case ningún lado che dan de xantar antes da unha -explica-. Agora, a maioría deixamos esa actividade, pero se che coincide de pasar por alí paras, é un sitio coñecido, de moi bo trato e dá gusto volver. Aínda que non coincidas con outros transportistas, porque tamén coñeces aos veciños cos que cadrabas no bar». É «a familia grande» da que fala a hostaleira, minguada polo parón da térmica -«que ten máis repercusión da que se pensa, directa e indirecta, coma neste caso», como apunta Eliseo- e «polos veciños da parroquia que morreron, algúns ben novos». «Pero parece que coa pandemia estanse comprando casas nas aldeas. Nas aldeas necesitamos xente!», exclama Isabel, esperanzada.

Unha muller valente

O traballo non lle pon medo. Ten dous fillos, de 13 e 16 anos, vive coa súa nai, de 84, anda pendente do que fora o seu sogro, de 81, e está ao fronte do negocio. Unha valente! «Valente creo que non, pero depresión non teño, hai que sacar as cousas para arriba como sexa. Agora somos catro [na parrillada] e non chegamos a nada, iso que me axudan moito, pero tampouco é doado atopar persoal, funlles quitando camareiras a outros bares da zona».

O seu pai chamábase Pepe, e era ferreiro, moi traballador. De feito, a súa nai, Consuelo, sempre lle di que é igual ca el. Moitos refírense a ela como A filla do ferreiro, e ese foi un dos nomes que lle propuxeron para o renovado establecemento. «Pero ao ser un local alugado non me parecía axeitado». Daquela xurdiu María Queira, o regato que nace na serra do Forgoselo e baixa ata o río Castro. Nos vinilos que decoran o interior da parrillada vese a forza da auga, e no logotipo da parrillada faille unha pequena homenaxe a Pepe, o ferreiro.

«Cando comecei aínda funcionaba a mina, daquela si era un negocio, ás sete tiñas o día feito»

O venres xa preparou a tortilla, un dos pratos estrela do Xayda, que vai seguir trunfando na parrillada, co churrasco, os chuletóns e as racións. «Cando eu empecei aquí aínda funcionaba a mina das Pontes, daquela si que era un negocio, os cubalibres que se vendían... e pola mañá, café e copa... ás sete xa tiñas o día feito, e sen dar galletas nin pinchos, que hoxe esíxese máis, daquela había cartos para todo», lembra.

A autovía tamén lle afectou, aínda que o local queda moi preto do desvío de Igrexafeita: «Notouse un baixón. Xente de paso vén pouca, é máis ben das parroquias do lado, Ferreira, Naraío, A Toca [As Somozas]... e desde que hai pandemia veñen máis ao río, facer escalada na pena do Rei Mouro». Transcorreu un ano, pero para Isabel foi coma se non pasara. «O xoves era o día da inauguración pero eu abrín cedo coma sempre, dábanme pena os clientes de toda a vida, que non puideran tomar o café, mandeilles un wasap para avisalos. Igual que se fora onte».