Que escola queremos para as nosas fillas e os nosos fillos?

Docentes do IES Sofía Casanova TRIBUNA

FERROL CIUDAD

JOSÉ PARDO

20 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

propósito desta carta é dar a coñecer á cidadanía o enorme prexuízo que está a sufrir a práctica docente no IES Sofía Casanova de Ferrol e os graves efectos negativos que vai ter na aprendizaxe do noso alumnado. Para o curso 2021?2022 o noso instituto conta cunha cota de 54 profesores e unha PT (profesora de pedagoxía terapéutica) para 600 alumnos, o que supón un recorte de 7 docentes e dúas PT sobre os datos do curso pasado.

En primeiro lugar, isto implicará que as nosas aulas terán máis alumnado por aula do habitual, feito chocante en plena pandemia, cuns 30 estudantes de media por aula. Ademais, esta situación impedirá poder facer desdobres en aulas específicas para desenvolver a práctica imprescindible en moitas áreas e materias. Por exemplo, non poderemos facer uso das aulas de idiomas, de Música, de Debuxo Técnico, de Educación Plástica e Visual; tampouco dos laboratorios de Bioloxía e Xeoloxía ou Física e Química; reduciremos espazo da biblioteca por estar reconvertida en aula. É unha situación sen precedentes que penaliza gravemente a calidade de ensino do noso alumnado en plena pandemia. Non podemos esquecer que o feito de ter aulas masificadas, unido á redución de profesores especializados en pedagoxía terapéutica, provocarán unha considerable diminución na atención do alumnado de necesidades educativas específicas. Como todos sabemos, estas condicións desembocarán nun grave prexuízo da atención á diversidade para todo o alumnado.

Procede lembrar que o IES Sofía Casanova é un centro educativo que conta con excelentes resultados nas ABAU, premios extraordinarios de Bacharelato, recoñecemento aos mellores expedientes de centros de ensino medio de Galicia, Programas de Innovación Educativa, como o Bacharelato de Excelencia, o Plan de Bibliotecas Escolares, Club de letras, Club de ciencia, Club de Manga, Club de voluntariado, etc. A comunidade educativa síntese penalizada polo seu bo facer. Sorprende tamén a situación do instituto cando hai centros na nosa contorna nos que o menor cociente de alumnado permite facer aulas coa metade de alumnas e alumnos que temos nós; semella unha xestión inadecuada dos recursos.

Para concluír, os docentes do IES Sofía Casanova cremos que a escola do século XXI debe estar centrada en proxectos educativos creativos e innovadores que permitan o desenvolvemento das capacidades do alumando; é a forma de crear adultos responsables que se sintan parte da sociedade e se saiban capaces de enriquecela e transformala. Ter a capacidade para poder prestar a atención necesaria á diversidade dos nosos estudantes enriquece o centro, ensina ao alumnado na diferenza e crea adultos integradores e respectuosos. A realidade é que o alumnado de noso centro vaise atopar cunha escola do século pasado, tradicional, en aulas con 30 estudantes, onde só poderán ser figuras pasivas ante un profesorado reducido a ser de novo un mero transmisor de coñecementos, incapaz de prestar a atención tan necesaria á diversidade.

É ISO O QUE QUEREMOS?