A Graña, o barrio desacordado de Ferrol

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

FERROL CIUDAD

26 sep 2021 . Actualizado a las 13:43 h.

Desacordar, no dicionario da RAG, significa: deixar de ter na memoria e iso é exactamente o que lle pasa ao Concello con este singular barrio ferrolán que foi declarado Área de Rehabilitación Integral no ano 2005. E moi curioso que o Concello desacórdase tamén deste feito, xa que o edificio máis singular da vila, a antiga escola pública e hoxe sede da AV., é de propiedade municipal. A casa ten unha senlleira galería en tal estado de deterioro que é totalmente inutilizable, xa que podes caer para abaixo varios metros, aínda que parece que mentres non ocorra algunha desgraza nefasta, para o Concello non é preocupante; outros moitos deterioros no edificio indican que a casa está totalmente ausente na memoria do Concello.

A Graña é un barrio cunha estruturación urbana antiga, asentado nunha ladeira moi empinada, de xeito que case tódalas vivendas son unifamiliares e con o baixo da casa ocupado para vivir, de modo que sobran os dedos das mans para contar os garaxes existentes. As rúas son estreitas, case sen beirarrúas e nas poucas que hai, case non cabe unha persoa. Pois ben, a xente aparca onde pode, sempre coidando de non interromper o tráfico, pero mira ti que para isto o Concello si que ten memoria, pois cada pouco manda aos recadadores, a poñer multas, coma antonte na rúa Real Baixa.

O problema do aparcamento é tan grave que xa van varias veces que os veciños fixéronlle propostas ao Concello para resolvelo; aviar a finca do Sol na Praza e a finca de Calleja na Real Baixa para aparcamento, pero isto custa cartos e na Graña o Concello non fai inversións. Outra idea que permitiría aparcar moitos coches en batería na rúa Real Alta, é retirar tres metros o muro do Parque Municipal, intocable para o Concello, parque que case ninguén pode usar, xa que está minado de zurullos de can e unha manchea de fumetas, ademais de que tamén custaría cartos. Para que se dean de conta do desacordado que ten o Concello coa vila da Graña: tivemos un coche abandonado na rúa que o Concello tardou moitos meses en sacalo, a pesares das reiteradas denuncias e do prado de musgo que medraba debaixo del; non estaría mal que o Concello empregara para estas cousas a mesma velocidade que ten coas multas. E se todo isto non fora dabondo, a vila sofre dende hai varios meses un brutal bombardeo dinamitero, tres ou catro veces ao día, que vai derrubar ou esmendrellar as nosas casas e aínda estamos os veciños agardando que o Concello controle se os estrondos e abaneos que provocan as explosións, se fan de acordo coa lexislación vixente. Tendo en conta que esta situación alóngase moito no tempo e considerando que pasaron polo Concello varios partidos gobernantes, podería concluírse que como somos poucos veciños e consecuentemente poucos votos: que lle dean bertorella á Graña.