A actriz Luma Gómez recibirá o premio de honra da Fundación Aisge durante o certame OUFF

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Luma Gómez, na montaxe «A tixola polo mango»
Luma Gómez, na montaxe «A tixola polo mango»

O galardón é unha iniciativa do colectivo de Artistas e Intérpretes e constitúe o recoñecemento á súa traxectoria 

13 sep 2021 . Actualizado a las 18:47 h.

A nova edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se desenvolverá entre os días 24 de setembro e 2 de outubro, será o escenario no que a actriz galega Luma Gómez (Ferrol, 1951) recibirá o premio de honra a toda unha carreira da Fundación Aisge (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual) en recoñecemento a súa ampla traxectoria nas táboas. Nas últimas edicións, recaeu en Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez (2021).

Luma Gómez, emocionada ao coñecer a noticia, deu as grazas «por este premio tan importante como inesperado, un recoñecemento que significa moito para min por un traballo que amo e que move a miña vida». Isabel Blanco, delegada de Aisge en Galicia, enxalzou á intérprete ferrolá porque, dixo, representa a máis pura nobreza do teatro galego, unha verdadeira dama da escena, que deixa unha pegada moi importante no seu percorrido vital, unha actriz polivalente ao longo do tempo, mostrando ademais a súa veteranía na ficción tanto como actriz de imaxe en series de televisión, en películas de prestixio, como na dobraxe en calidade de actriz de voz.