O comunista Fernando Miramontes

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que sempre haberá que recoñecer aos comunistas españois é que eles, máis que ninguén, combateron e sufriron o franquismo. Por un ideal, moitos homes e mulleres xogaron a vida. Para a militancia do PCE, o comunismo foi unha mística».

Díxomo García-Sabell, en 1993, como remate dunha conversa na que falamos de cando el fora filocomunista, e non de salón, senón moi comprometido, nos anos máis negros da ditadura. Había tempo que tiña o comunismo por unha doutrina política do pasado, pero o respecto e a admiración polos membros do partido non minguara. Nin minguaron os meus, a día de hoxe, polos comunistas do Ferrol da miña mocidade, con dirixentes como Julio Aneiros e Paco Filgueiras, exemplos de idealismo e bonhomía; e os da xeración seguinte, a miña, con tantos amigos entregados á tarefa de esfarelar os alicerces da ditadura. Aquí podería dar moitos nomes de homes e mulleres admirábeis, pero cito so a Fernando Miramontes, o escaiolista, morto o 13 de xaneiro, porque encarna o mellor de todos.

En 1962, con 26 anos, emigrou a Francia coa muller e unha nena de dous, e instaláronse en Annecy, a preciosa vila turística, cun traballo ben remunerado e valorado profesionalmente na empresa. Foi como descubrir un paraíso sen árbores prohibidas e gozárono durante cinco anos. Alí naceu a segunda filla. Pero Fernando relacionouse cos exiliados, interesouse polo marxismo e fíxose comunista. Todas as lecturas resumíaas nunha sinxela reflexión: «Se temos unha tortilla e somos oito, haberá que repartila. Digo eu». Cumpría volver a España para axudar a derrubar o franquismo, recuperar as liberdades e repartir a tortilla.

En marzo do 72, ao se producir o enfrontamento entre traballadores de Bazán e a policía nacional, co resultado de dous obreiros mortos e moitísimos feridos, Miramontes foi detido e interrogado durante tres días e tres noites en comisaría. Cando saiu era un Cristo de Grünewald, co rostro tan desfeito que a filla de doce anos non o recoñeceu. Estivo quince días no hospital, pero nunca se sentiu heroe nin mártir. O incrible é que nin sequera gardaba rancor aos torturadores. Saudaba pola rúa a policías que o detiveran e maltrataran en distintas ocasións, e xustificábaos:

-Fan o que lles mandan. Que outra cousa poden facer?

Chegada a democracia, formou parte da corporación municipal de Ferrol como portavoz do PCG, e foi tenente de alcalde e alcalde en funcións en varias ocasións. Non puido repartir a tortilla como quixera, pero atendeu as necesidades da cidadanía e fíxoo sen sectarismos, como servidor de todos os ferroláns. O carácter conciliador e o bo facer de Fernando Miramontes explica que o pleno da corporación acordase, por unanimidade, homenaxealo o pasado sábado, dedicándolle unha praza no barrio de Canido, onde viviu, e poñendo o seu retrato cos dos alcaldes da democracia, no salón de plenos do pazo municipal. «Unha excepción para un home excepcional», dixo alguén e dixo ben.

Fina Piñón, a viúva, que volvera triste de Francia, sabe hoxe que foi un acerto. Aquí sufriu o que nunca imaxinou que podería sufrir, pero sentiu o cariño e a solidariedade dos camaradas, como nunca pensou que chegaría a sentilos. Aquí, cos seus, viviu o que en Francia non podería vivir.