«O Ateneo seguiu traballando sempre»Que acontecerá nas instalacións do Ateneo a partir deste outono?

gala dacosta / B.C. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Traslado de fondos del Ateneo
Traslado de fondos del Ateneo CESAR TOIMIL

A entidade rescatou os seus fondos logo dunha década de problemas

13 ago 2021 . Actualizado a las 22:07 h.

Xabier Dongil, presidente do Ateneo, prefire non pensar moito no asunto e centrarse no futuro da asociación. Tiveron que pasar dez anos e catro gobernos municipais diferentes para dar fin a un proceso tan polémico como dificultoso para a entidade. «Aparte de rebelarse contra todo isto, o Ateneo seguiu traballando sempre», explica o xerente.

Todo comezou cando, durante o mandato de Irisarri, se acordou que o Concello se faría cargo do mantemento dos fondos da asociación cultural mentres tiñan lugar as obras de remodelación e ampliación. Pero cando rematou dito mandato, o seginte goberno decidiu non asumir eses custos porque o acordo xamais chegara a aparecer documentado. Ese erro, que hai quen acusa de neglixencia, foi o detonante dun longo percorrido para recuperar os fondos do Ateneo, gardados por un gardamobles, con cambios de gobernanza e proceso xudicial de por medio.

Conta Dongil que a directiva do Ateneo está inmersa agora nas labores de traslado, documentación e exposición dos fondos que tanto tempo estiveron fóra do lugar ao que pertencían. O obxectivo, como di Dongil, é que o patrimonio do Ateneo estea a partir do outono ao dispor do público para consulta, contemplación e investigación.

Foi co anterior goberno municipal cando se puxo perante todos os partidos a necesidade da adquisición por parte do Concello deses bens patrimoniais, que pasarían deste xeito a pertencer aos cidadáns de Ferrol. Unha vez iniciadas as correspondentes taxacións e trámites legais, remataba o mandato sen dar por finalizada a compra por parte do goberno local. Por este motivo, unha vez máis o Ateneo vía frustrada a súa loita por recuperar os fondos. Co actual goberno de Ángel Mato retomouse de novo o trámite e por fin empezaron o traslado.

Que foi da integridade da colección logo de dez anos nun gardamobles? O presidente confirma que houbo certo temor pola conservación da mesma, especialmente pola hemeroteca, sobre todo tendo en conta que cando tivo lugar a subasta pública había institucións e particulares interesados polos bens do Ateneo. Pero o máis importante é que se devolvan a dignidade e o Patrimonio aos ferroláns.

Os luns iranse abrindo, un por un, os oito contedores con obras de Sebastião Salgado, Laxeiro e outros moitos artistas que son referentes mesmo a nivel internacional.

Prevese que o traslado remate no mes de outubro, cando terá lugar a devolución da maioría das obras ao público nun acto institucional.

Non se pode dicir que se retome a actividade, pois como salienta o presidente, sempre estivo activo. A principal diferencia está en que abrirá ao público a totalidade da hemeroteca, que levaba unha década baixo peche, e a pinacoteca que quixeran abrir canto antes para todos os ferroláns.

Xabier Dongil conta que o primeiro que pensan facer é unha recepción oficial á que acudirán todos os grupos municipais. Destaca como aspecto positivo o apoio que sentiron por parte de todos os grupos municipais: «non houbo votos en contra da adquisición dos fondos por parte do Concello».

Parece que todos teñen claro que é preciso apoiar a cultura da localidade, especialmente cando unha entidade de relevancia coma o Ateneo se viu afectada durante tantos anos polas moitas trabas da administración e os problemas ligados a este asunto.

Ampla oferta cultural

O Ateneo diferenciouse nos últimos anos por acoller a distintas asociacións no seo das súas instalacións. Dende a directiva amósanse desexosos de retomar unha actividade «máis normal», despois dun longo período pandémico, por non falar do lento proceso que tiveron que soportar para recuperar as obras pictóricas, os libros e os valiosos documentos que permaneceron no gardamobles todo este tempo.

Volverán os actos, as presentacións, as mesas redondas e as exposicións á rúa Magdalena.

Xabier Dongil non pode asegurar as datas, mais calcula que cando teñan trasladados e clasificados os fondos na súa totalidade poderá reabrirse, a mediados de outubro, o calendario de actividades para todos os públicos, incluídos eventos e certames, que daban vida ás parades do Ateneo.

Malia que o Concello acudiu ao rescate e adquiriu os fondos, seguen a ser propiedade do Ateneo Ferrolán. Ademais da valiosa hemeroteca á que fai mención Dongil, volven ás instalacións obras de Collado, Sebastião Salgado ou Tomás Barros, entre outros. No número trimestral da revista Atenea que publica a asociación (dipoñible na rede), o limiar recolle os detalles do que supuxo o apoio do Concello para o Ateneo, que recibiu con alivio a noticia do rescate dos fondos.