Baldo Martínez: «Os concertos en Ferrol sempre son especiais, aquí medrei musicalmente»

Gala Dacosta Diehl
Gala Dacosta FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ALBERTO LOPEZ

O ferrolán é un dos mellores jazzistas contemporáneos de España

10 ago 2021 . Actualizado a las 10:10 h.

Baldo Martínez leva toda a vida adicado ao jazz. Sempre acompañado polo Cuarteto da Terra e o seu contrabaixo, esta fin de semana visitará a terra que o viu medrar para participar no festival Jazz de Ría, que celebra a súa quinta edición os días 14 e 15  de agosto nos concellos de Narón e Neda.

-Vive fóra de Galicia dende hai moitos anos, que relación mantén coa terra, concretamente con Ferrol?

-En Ferrol teño familia e amigos, moitas vivenzas pasei eu aquí aínda que marchei a Madrid aos 30 anos. Ademais, os concertos en Ferrol para min son moi especiais porque é onde medrei musicalmente. Lembro unha vez, tocando con Amancio Prada, que me dixeron que debería volver cada vez que sacase algo novo, non por promocionalo, senón porque me gusta que a miña xente coñeza o que vou facendo. Tamén me gusta acudir aos concertos dos demais cando vou a un festival, por iso supoño que chegarei para o inicio do Jazz de Ría; interésame coñecer o que se está facendo en Galicia.

-Que é o proxecto «Miño»?

-É unha iniciativa que ten máis de vinte anos na que se unen Galicia e o norte de Portugal en chave de jazz. Intento buscar as fontes máis antigas e o folklore é unha das fontes máis ricas que hai. Nós misturamos a linguaxe do jazz coa tradición galaico-portuguesa nunha época de folklore global, que non ten nada que ver con hai trescentos anos.

-Ten potencial o jazz para atraer a xente moza?

-Toda a música ten potencial, pero nesta era está todo contaminado. Internet prometía democratizar a información, pero non foi así. A música comercial chega máis facilmente a nós e isto aplícase a todo: a nivel xeral, na prensa en papel antes lías un artigo, pero en Internet ata che poñen a duración estimada da lectura. Vino moi claramente cando creamos unha das últimas iniciativas, o proxecto do Cuarteto Europa, que se orzamentou en parte cun crowdfunding. Aconselláronos que para explicalo puxésemos menos parágrafo e máis imaxes, como se fose dirixido a nenos, vamos. Isto denota a falta de capacidade de atención do público hoxe en día, como che viña dicindo, que se manifesta tamén na música: a xente poucas vecees escoita unha enteira.

-Como podemos educar o oído, daquela?

-Eu persoalmente creo que é como a lectura, é algo que se ve na casa. Por exemplo, os meus fillos son músico e técnica de son, respectivamente.

-Que nos espera este sábado no concerto?

-Algúns temas novos e tamén unha experiencia única. Gústame deixar a responsabilidade en cada músico que me acompaña. Todos pertencemos á escena musical galega: por exemplo, Antonio Bravo, co que sempre que podo traballo; ou Pablo Castaño, un dos principais expoñentes do panorama musical galego contemporáneo. A música en vivo é moi importante, máis da metade do que se fai nunha actuación de jazz é improvisado e cando tocas nun concerto a experiencia é única, só o público e o músico a vivirán.

-Entón o jazz nunca pode reproducirse exactamente?

-Exacto, se che vou contar unha mesma historia que xa coñeces, non é o mesmo contala igual ca darlle novos requebros e xogos nos que tamén entras ti como público. O público participa tamén nesta viaxe e nesta experiencia musical.

Cando. O sábado 14 de agosto ás nove e media da noite.

Onde. O concerto terá lugar no parque de Freixeiro

Entrada. O concerto poderá desfrutarse sen reserva previa, de balde para todos os públicos.