De «gazapos» e inepcias

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

07 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O período vacacional é tempo para lecturas divertidas e os xornalistas Jorge C. Alonso e Félix Caballero aportaron á ampla bibliografía existente un novo título: La gazapoteca, libro que recolle toda clase de erros «cazados» en distintos soportes de comunicación. Os autores din «cazados» porque a primeira acepción que a RAE dá á voz gazapo é «coello novo», pero aquí interesa outra: «erro que por falta de atención comete quen escribe ou fala». Pois ben, os máis dos erros que aparecen neste libro non son cometidos por falta de atención, senón por descoñecemento da gramática, da xeometría e da historia.

Hai moitos anos, un comerciante de Ferrol coñecido por Don Juan de los Taravelos facía rir á xente cos carteis que poñía no escaparate: «Hay pelotas para niños de goma», «Hay sombreros para hombres de paja». Hoxe, polo visto no libro, podería ser tan publicista ou xornalista coma os autores destes titulares: «Cómo actuar si nos encontramos con un jabalí montando en bicicleta». «Angelina escandaliza a los británicos por reunirse con un arzobispo sin sujetador». Home, as explicacións do primeiro serán de agradecer porque se eu vexo un xabarín en bicicleta, convírtome en estatua de sal. En canto ao bispo sen suxeitador, xa se sabe que no Concilio Vaticano II acordouse que os bispos leven suxeitador todo o día, pero hai moita ovella negra. Ovella e obella, que os autores do libro tamén atoparon algunha.

Máis que atopar, toparon con inmensas sopas das letras B e V, G e J, LL e Y; pero a de máis mantenza resultou a sopa de H: Acer por hacer, hemitir por emitir, aber por haber, habrir por abrir -esta na biblioteca dunha universidade-, e ata na exhaltación da ostra. Con sopa de letras hai quen fai postres que son pura delicatessen: «Solo faltaría que Sánchez firmara un acuerdo y luego digera que no lo va a apollar».

No libro hai erros de verdade, que eu atribúo aos trasgos da informática, herdeiros dos duendes da linotipia. Titulares como «Endurecen penes para infractores» e «Dos heridas leves y una farola grave» teñen que ser bromas deses demiños burlóns.

Na Voz houbo un moi falcatrueiro e, cando se inaugurou en Ferrol a primeira residencia para suboficiais da Armada, anunciamos nun titular a catro columnas: «Hoy se inaugura la Residencia de Subnormales de la Armada». O xurídico da empresa, Paco Ameixeiras, necesitou todo o seu encanto persoal para que os militares volvesen confiar nos xornalistas. Aínda era peor o de El Correo Español, en 1975, cando Franco agonizaba e todos os xornais tiñan páxinas feitas que falaban del e do que fora o seu goberno para metelas en edición cando morrese. O 20 de novembro, o presidente Arias Navarro confirmou o pasamento no informativo da noite de TVE e nas redaccións fixéronse cambios, contra reloxo, para dar a noticia en primeira, meter as últimas informacións e remitir o lector ás páxinas xa dispostas. En El Correo Español fixérono así, pero o trasgo cabrón conseguiu que na páxina de referencia houbese un anuncio publicitario que, a toda páxina, dicía: «Celébrelo con champán». E o debuxo dunha botella entre serpentinas e demais adovíos do pasado Nadal. Era xefe de edicións Armando Fernández Xesta, despois director adxunto de La Voz de Galicia, gran xornalista e amigo querido e inesquecible.