Luisa Sobral: «No último disco eu quería buscar o esencial, a canción espida»

Gala Dacosta / A.U.

FERROL CIUDAD

A artista portuguesa interpretará no Jazz ao Norte temas do álbum «Rosa»

28 jul 2021 . Actualizado a las 21:25 h.

A lisboeta Luisa Sobral sabe ben dos ritmos da vida e da música, mais tamén cando as pausas son precisas. Iniciou a singradura na música global hai xa unha década, paseniño pero sempre exitosa, ata se converter nunha das máis importantes compositoras da escena musical portuguesa. Pero igual ca o seu irmán Salvador, a artista rebosa personalidade, bo facer e xenio musical e, coma el, fixo un alto no camiño despois de gañar Eurovisión no 2017, cando tan aclamada foi a canción que compuxo, Amar pelos Dois.

Luisa quixo facer dese impulso no panorama internacional pouco máis ca unha anécdota. Así é como continuou co percorrido que procurara sempre: o dos festivais especializados, a búsqueda do profundo e a palabra, sempre a palabra: escribir o que a ela lle interesa e o que verdadeiramente sinte: «Eu falo de sentimentos, e os sentimentos deixan a unha moito máis exposta ca o banal. Podería falar da miña nena loira e só se identificarían co que canto quen teñan unha nena loira».

No último disco que sacou, Rosa, que recibe o nome dunha das fillas, trata temas como a maternidade, pero ten moi claro que nunca falaría de cuestións persoais: «só eu me expoño, nunca a miña familia». No disco mistura influencias de diversa orixe e a palabra é precisamente a protagonista dos once temas en portugués que compoñen o álbum, unha delas en colaboración co irmán: «Eu quería ir ao máis minimalista posible, atopar o esencial dentro da canción». Conta como a deixou abraiada un concerto no que a cantante tan só empregou a súa voz e catro cordas: «Souben que quería iso, a canción espida».