Margarita Sánchez: «Non é un libro de historia, son sucesos a través de meu pai»

gala dacosta / a.u. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

«Repinaldos dulces» recolle a vida de Carlos Sánchez Leira entre 1917 e 2007

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co tempo, a historiadora ferrolá Margarita Sánchez fíxose un nome por si mesma, pero de certo seu pai tivo moita influencia na súa inclinación polas humanidades e, máis concretamente, pola historia. Carlos Sánchez escribiu durante a moitos anos a súa traxectoria vital, se ben se consideraba a si mesmo «ni chicha ni limoná» e o fixo coa única finalidade de legar os seus escritos á descendencia. Mais Margarita quixo concederlle, como homenaxe póstuma, a publicación nun volume das tres etapas na que este home corrente, cheo de imaxinación e talento, relatou os cambios na cidade de Ferrol e no resto do país.

O libro pódese mercar na librería Galiano, lugar onde se prevé que proximamente teña lugar a presentación da obra recompilada por Margarita Sánchez xunto co autor do prólogo e coeditor dos textos, Fernando Bores.

-Este é un libro de memorias, relata sucesos históricos dende unha perspectiva persoal, pasadas polo filtro da sensibilidade propia. Que episodios históricos podemos ler a través dos ollos de seu pai?

-O lector atoparase cos episodios históricos de Ferrol a nivel de cidade, mais tamén outros que forman parte da historia xeral. Comezando polo que pasaba no barrio de Esteiro, onde naceu el, contou as cousas que lle ocorrían ou que ocorrían perto del. Tamén relatou as cousas que había e xa non hai, como o barrio antigo de Esteiro ou a comunicación no porto a través das lanchas, pero nunca cousas onde el non estivo presente, non era historiador nin pretendía selo, nin escritor. Este non é un libro de historia, senón que son sucesos da historia vividos e contados a través de meu pai. Cando vai á guerra, obrigado, sae de Ferrol, pero maioritariamente conta cousas de aquí as que narra.

-Que cre que contaría seu pai sobre o Ferrol de hoxe?

-El faleceu no ano 2010 aos 92 anos de idade, así que foi testemuño do Ferrol actual máis ou menos. Era consciente da súa decadencia, si, pero tampouco foi nunca da idea de que «calquera tempo pasado foi mellor» porque tamén había penurias na guerra e na posguerra e en tantas etapas que viviu.

-Como lectora percibiu unha evolución na escrita ou nas ideas reflictidas nas memorias ao longo de tantos anos?

-A vida é unha mestra dura e esixente, meu pai era un home actualizado, aínda que a carga dos anos e das vivencias sempre pesen e hai xente de ideas cegas á que lle custa moito cambiar, pero meu pai non era desa xente. Malia que aos seus 92 anos, cando lle chegou a morte, xa non escribía, os anos anteriores facíao a ordenador.

-Parece que malia sido testemuño das penosidades da posguerra e doutros episodios soubo manter moi ben o humor e a ironía. A familia herdou esa vitalidade?