Guillermo Llorca: «Dende o recuncho máis pequeno é posible crear historias marabillosas»

Gala dacosta / A.v. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

«Cuando estalló la noche» é a nova novela do escritor ferrolán, ambientada no Ferrol dos anos 40, coa que quedou finalista do Premio Fernando Arenas

11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Guillermo Llorca (Ferrol, 1950) estamos afeitos a lelo en clave de investigación histórica, pois ademais de ser historiador, ten especial interese en pescudar sobre Ferrol e comarca e lévao facendo dende 1975. Cuando estalló la noche (Ediciones Arenas) é o seu segundo libro do ano, logo da publicación colectiva Serantes (Edicións Embora). Sorpréndenos desta vez cunha novela de ficción diferente ao que nos ten acostumados, malia que xa se atreveu no seu momento cun par de tomos de relatos. Esta ten un ritmo cinematográfico, como amante do cine que é Llorca, e entrelaza distintos escenarios aparentemente inconexos como Escocia e as cidades de Madrid e Ferrol.

-Que pode agardar o lector entre as páxinas desta novela?

-É unha novela ambientada na Segunda Guerra Mundial ou na posguerra española, segundo como se mire. Trátase dun retrato sociolóxico e histórico dese Ferrol onde aínda latexaba a represión e o medo do alzamento militar. Está inspirada en feitos reais, nunha acción de sabotaxe que non quero desvelar nesta entrevista, pero que foi moi espectacular e eu xa llela escoitara de pequeno aos meus pais. Non vou dicir que é o que estoupou, pero a novela titúlase Cuando estalló la noche e isto é por algo.

-A xente esqueceuse deste suceso?

-Sen dúbida, a xente nova practicamente descoñece o franquismo, e xa non che digo un suceso como este de 1943 acontecido en Ferrolterra. As persoas maiores si que recordan aquilo dos submarinos alemáns que recalaban na ría de Ferrol, pero o primeiro que investigou o asunto en profundidade foi o historiador Enrique Barrera, e máis tarde achegáronse a este episodio outros como Jaime Antón.

-Que papel cumpre Ferrol nesta novela sobre nazismo, forzas aliadas e espionaxe?

-O papel de Ferrol nesta trama é fundamental porque, no momento no que se basea a historia, España mantiña unha política de non belixerancia e, aínda así, Franco consentiu que barcos e submarinos da Kriegsmarine, a mariña nazi, entrasen na ría de Ferrol, concretamente na base militar da Graña. Alí abastecían as súas frotas de víveres e repoñían combustible. Chegou esta situación a ser de tal normalidade que nun momento dado, o exército británico quixo intervir.

-É a nosa cidade un escenario interesante para a ficción?

-Ferrol ten unha historia detrás moi rica da que eu sempre bebo, pero parto da base de que calquera obra de creación debe proxectarse dende o local ao universal, e ese é o maior dos méritos. Temos o caso de Macondo de García Márquez, que transcendeu a todo o mundo. Dende o recuncho máis pequeno, dende unha simple habitación, é posible crear unha historia marabillosa. A dificultade está en na credibilidade e na boa escrita.

-Atrévese con moitos xéneros, cal lle resulta o máis cómodo? -Eu son profesor e investigador de historia dende hai moitos anos, e aí é onde máis cómodo me sinto. Levo máis de trinta obras individuais e colectivas, a maioría sobre Ferrol e a súa contorna. Cuando estalló la noche é ficción, si, pero hai sucesos e personaxes tanto reais como ficticios. Tamén se misturan escenarios distintos: a historia transcorre en Ferrol pero tamén terá lugar a acción noutros lugares. Escribir este xénero entre thriller e policíaco foi unha recreación moi gratificante para min porque levo dous anos traballando nela e toda a vida documentándome, case.

-Diría que esta novela sempre estivo no tinteiro?

-Así é, de feito sempre lle tiven ganas, pero foi pasando o tempo e fun acumulando referencias e documentación sobre esta historia ata o día que decidín comezar a escribila. Case teño a sensación de que foi a historia quen pouco a pouco foi achegándose a min.

Data. O vindeiro xoves 15 de xullo é o día escollido para a presentación da primeira novela de Llorca.

Lugar. Celebrarase en Exponav, coa participación do editor Manuel Santiago Arenas e da historiadora Esperanza Piñeiro.

Hora. O evento será ás 19.00 horas. Reserva de exemplares no 981222442.