Ser vello onte

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Digo onte, pero refírome aos primeiros anos cincuenta, os da miña infancia, cando os vellos tiñan o respecto de todos. No meu barrio, ata os nenos máis golfos paraban de xogar á pelota se o señor Ramón pasaba pola beirarrúa, arrastrando os pés como unha tartaruga; e os máis educados corriamos a levarlle a bolsa da compra á señora Paca, tan gorda que non podía co propio corpo. Na perruquería de Volusiano, o fillo Tito, simpatiquísimo, afeitaba aos vellos desdentados, de caras chuchadas. Dicíalles: -Hincha! Os vellos collían aire na boca ata semellaren o boneco de Netol, e Tito, ris-ras, ris-ras, deixáballes as fazulas como de rapaces. En Burgos, outro barbeiro de vellos usaba unha pelota de pimpón que, por indicación súa, pasaban dun lado a outro da boca. Un día, un vello preguntoulle: -¿No me pones la pelota? E o barbeiro respondeulle: -No la tengo, que se la tragó el Nemesio y hasta mañana no me la devuelve.

Ser vello e rico nos primeiros anos cincuenta debía de estar bastante ben; ser vello e vivir sen apuros económicos non debía de estar mal; ser vello e pobre era unha tristura. O Fuero del Trabajo prometera, en 1938, que «de modo primordial se atenderá a dotar a los trabajadores ancianos de un retiro suficiente»; e en 1947 implantouse o Seguro Obligatorio de Vejez e Invalidez coa mesma vontade, pero as máis das pensións eran cativas. Ademais, en 1952 rematou o racionamento de alimentos, que afectou, sobre todo, ás familias sen acceso aos economatos. Si, no meu barrio había vellos pobres e coñeciámolos todos. Os sen familia remataban os seus días no asilo, e eles e os veciños considerábano unha desgraza. Menos mal que había quen miraba por eles.

Cando o modisto Balenciaga foi recoñecido en París o creador máis importante da alta costura, apareceu no NO-DO e en Ferrol a alguén ocorréuselle -dicíase que fora cousa da Sección Femenina- facer no teatro Jofre un desfile de modelos a beneficio do asilo. Acudiu toda a sociedade ferrolá e tamén os vellos asilados asistiron como invitados. Sentáronos no galiñeiro, no quinto andar, que pola altura dos teitos ben podía ser un octavo ou noveno. Non morreu ningún, pero varios non recuperaron o alento ata que rematou o desfile.