Ir por urxencias

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

-Parece que me doe algo o recho.

-Ai, pois vai ao médico; que non che está a cousa para bromas!

-Pero non me darán cita ata a semana próxima.

-Pois vai por urxencias!

-Claro, claro! -Asenten a coro familiares e amigos-. Para iso está o servizo de urxencias!

E alá van ao hospital, en coche, talmente como nun rally, soando o claxon e sacando un pano pola ventá para que aparten os outros condutores e chegar canto antes a un servizo de urxencias ateigado de xente, porque nos últimos anos o número de pacientes que acode sen causa xustificada aumentou un 9 %. E poden suceder dúas cousas: que o do recho, familiares e amigos sexan xente civilizada e cando, cabo de dúas horas de espera, o doutor ou a doutora que o atenda lle diagnostique «dixestión lenta da enchenta de callos que papou no xantar», marchen, ledos e agradecidos, dando vivas á Seguridade Social; ou que sexan unha panda de bárbaros cabreados pola espera, que non cren o diagnóstico porque calquera ve que o do recho está para entrar no quirófano; e enfróntanse aos médicos e asistentes, aldráxanos, ameázanos e marchan berrando que cómpre poñer lume á Seguridade Social. Atrás quedan os aplausos aos sanitarios desde ventás e balcóns, e nos servizos de urxencia dos hospitais vólvense producir as máis das agresións. E repítense situacións tráxicas, cando entran enfermos ou feridos graves; cómicas, como a do hipocondríaco que chegou a medio morrer porque cravara nun dedo o bigote dun langostino; e traxicómicas como a que se viviu hai anos no Hospital Juan Cardona de Ferrol.

O moderno e bonito barrio de Caranza chamámolo os ferroláns Manhattan, cun chisco de fachenda e de humor, pola altura dos edificios. En dous pisos dun mesmo bloque, habitado por traballadores de Bazán, vivían dúas parellas amigas, aínda novas. Nunha das vivendas avariouse a conexión do vertedoiro co tubo de saída de augas e o home da casa, negado para os traballos manuais, racaneouse ata que na mañá do sábado -día non laborable en Bazán- a muller espetoulle:

-Arranxa o vertedoiro.

El puxo o mono de traballo -que en Ferrol chamamos buzo-, agachou e empezou a fedellar cunha chave inglesa, mentres a muller ía ao mercado. Ao pouco, a conexión perdía como un cesto e o manazas, asustado, pediu axuda ao veciño, máis hábil ca el.

-Déixame a min. Dáme o buzo.

Puxo o buzo, colleu a chave inglesa, agachou e meteuse baixo o vertedoiro. Aquilo non ía, así que ordenou ao amigo:

-Vai á miña casa e tráeme a caixa da ferramenta.

Non ben marchara o recadeiro, entrou a muller coa bolsa da compra. Viu a quen ela creu o seu home, agachado, con medio corpo baixo o vertedoiro e non puido evitar a broma. Meteulle a man na entreperna e con voz burlona e cantareira, preguntoulle:

-¿De quién son estos cojoncitooos?

A sorpresa fixo que o veciño erguera a cabeza e batera tan forte contra o vertedoiro que perdeu o coñecemento e houbo que levalo «por urxencias».

Costa imaxinar a explicación da muller ao home; dos dous á muller do accidentado; e dos tres no servizo de urxencias. Pero déronas, que se eu coñezo a anécdota é por algo.