A buxaina de Ucha

Eduardo Fra Molinero

FERROL CIUDAD

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ven de saír un libro precioso do fotógrafo José Pardo. É coma un recompilatorio do Ars amandi do arquitecto Ucha. Un vigués que viviu décadas en Ferrol amando de verdade a súa cidade de adopción. O ars amandi é iso: as formas múltiples de

amar a unha cidade. O amor está nos detalles, nos xestos, nas miradas e no tacto. José Pardo entrou polos interiores das casas de Ucha para comprobar a verdade de que o amor está nos detalles, nos pequenos xestos envolventes que dan pracer á vida. Hai pulcritude, gracia, proporción, ritmo, exuberancia de cores, porque o amor tamén se fai coa luxuria da intensidade. Nada queda esquecido, nin a luz nin as penumbras, dende o chan até os teitos pasando polos zócalos por onde os dedos

rozan as rugosidades.

As fotografías de José Pardo repiten moitos anos despois de Ucha o camiño por onde o arquitecto foi ollando e por onde os moradores de hoxe pousan tamén os seus ollos. Canto amor e canta finura urbana hai neste libro Ars amandi de cidades. Porque se a paisaxe tradicionalmente ten invitado ao pracer amoroso e mais á contemplación espiritual, as cidades redobran buscando agochos onde as intimidades se fan confortables. Unha burguesía cosmopolita e liberal pedía tamén o seu «ars amandi». O arquitecto Ucha escribiu o libro. José Pardo reescribiuno con imaxes fotográficas non menos amorosas. Unha invitación para as vodas dos ferroláns coa súa cidade. Unha celebración da vida íntima. Parabéns a José Pardo e agradecemento eterno a Ucha.