As gaivotas de Ferrol

Eduardo Fra Molinero

FERROL CIUDAD

07 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se hai estudos sobre a dixestión das gaivotas urbanas. Os resultados da dixestión ( as cacas) son temibles. Vin na rúa Dolores a unha muller (turista, cun acento identificado) recriminando ao seu home porque a dixestión dunha gaivota maleducada descargara sobre o lombo da súa chaqueta de marca. Realmente era unha chaqueta vistosa, seguramente de non pouco prezo. Vin ao home encollido, penso que era un ferrolán transterrado na capital do estado. A muller feita unha furia insultou ao concello, ao seu home- xa dixen- e á gaivota que se deu o piro polos tellados. Veño reclamando un bando municipal sobre horarios dixestivos das gaivotas, para programar paseos e saídas sen consecuencias desagradables. E esta muller, procedente daquelas terras insumisas, penso, inocente de min, que dera chegado polo legal a Ferrol, mais ignorante da variada fauna terrestre e aérea que se pode atopar na esquinada Galicia. Non comprendía que o noso concello tivera unha política de barra libre para estes seres disolutos. Meu amigo Pepe Ponte ven de escribir con moita graza sobre a idealización literaria e relixiosa das pombas. E rematou avisando das gaivotas. Certo. As gaivotas tamén gañaron moito predicamento chegando a figurar no olimpo dos emblemas, case escudo de armas dun partido político con mando en praza. As idealizacións son unha cousa e as dixestións outra moi distinta. Necesario logo un bando sobre gaivotas e desculpas e unha chaqueta nova para a turista.