Suez: produción e transporte

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

FERROL CIUDAD

KHALED ELFIQI | Reuters

30 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ferrol deulle vida a anterior crise de Suez, seino ben, crieime alí. Polas noites non había silencio. Nunca. Escoitábanse sempre os movementos dos guinches e dos guindastres erguendo e pousando pranchas, oíase petar aos armadores e imaxinaba as chispas de milleiros de soldaduras. Ter que dar a volta polo cabo de Boa Esperanza para chegar ao Pérsico, cargar o cru e volver cheos puxo aos asteleiros do mundo a competir en facer petroleiros cada vez máis grandes. Os superpetroleiros daquela carreira mundial que se fixeron en Perlío foron míticos, o Arteaga, o Butrón. Gañámoslles aos nipóns nas mesmas gradas nas que se facían as asembleas dirixidas por sindicatos clandestinos que sabían negociar melloras para non parar a produción. Os fillos daqueles obreiros puideron estudar carreiras e ter boas profesións, pero os seus pais pasaron da regulación á reconversión e aquilo acabouse. Ferrolterra leva trinta anos agonizando pero resiste esperando volver producir. Aquela crise de Suez fora consecuencia da inestabilidade na zona, das guerras árabe-israelís a conta de Palestina e das decisións de Exipto sobre o canal antes dos acordos de paz de Camp David (1978).

Esta nova crise de Suez obriga a pensar nas ilusións perdidas e os autoenganos europeos. Encallou un enorme buque por unha tormenta de area, produciuse un engarrafamento marítimo e o vello canal, construído entre 1859 e 1869 baixo a dirección de Ferdinand de Lesseps, volve mudar radicalmente as expectativas da economía mundial. Antes era a subministración de petróleo para a industria europea o que se vía comprometida, agora o que se corta é a chegada de todas as manufacturas asiáticas que Europa consome. A rolda da dependencia mudou de lado, pero a fraxilidade da economía europea aumentou ata o desvarío. A lección que deixa o accidente de Suez é a segunda da xeira que comezou co andazo do covid e terá novos capítulos.

Hoxe toda Europa é Ferrol. Substituír a produción manufactureira polo turismo e a construción, o consulting e as finanzas, xera grandes concentracións de poder financeiro e político como o Londres británico ou o Madrid peninsular, pero non constrúe economías sólidas no longo prazo, só acrecenta o caos. Europa vai ter moito que reflexionar sobre como repensar o seu futuro, e nós con ela. O berce da revolución industrial non pode ser a tumba da produción. Levo trinta anos sen entender que fai baleira a explanada de Perlío debaixo do gran guindastre, e preguntándome que foi das destrezas dos seus operarios. Agora tampouco entendo o baleiro industrial de Europa.