«A arte relixiosa ferrolá ten unha personalidade propia moi marcada»

La Voz

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

29 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Francisco Delgado afirma que «a arte relixiosa de Ferrol ten una personalidade propia moi marcada, dunha grande orixinalidade; una personalidade que é froito dun lugar moi concreto e das súas circunstancias históricas». E lamenta que «iso non sempre se soubese ver, como se estivésemos convencidos de que a nosa arte necesita estar imitando sempre modelos alleos».

-A Semana Santa tamén axuda a dar a coñecer esa arte.

-Si que axuda, pero tamén sería bo lembrar que esa arte está aí sempre, e non só en Semana Santa.

-Cando lle gustaría poder reabrir ao culto a igrexa de Dolores?

-O previsto é que as obras estean rematadas a finais do verán, pero eu son consciente de que sempre hai imprevistos. Así que, persoalmente, xa estaría moi contento se puidésemos volver utilizar a igrexa o vindeiro Nadal. Non pido máis. Para min o importante, como xa dixen antes, é que a rehabilitación do templo estea en marcha.

-A igrexa de Dolores é parte do Ferrol da Ilustración que aspira a ser declarado, pola Unesco, Patrimonio da Humanidade.

-Sí, e non só a de Dolores. Ás veces falamos da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e parece que nos esquecemos do que representan, nesa candidatura, as nosas igrexas do século XVIII. Esas igrexas tamén son fillas do Tempo das Luces. E as imaxes que se veneran nelas estannos recordando, tamén, cales eran as grandes devocións dos ferroláns do Tempo da Ilustración.

-Fala vostede con verdadeira emoción desas imaxes.

-Claro. Porque non esquezo que esas imaxes, que chegaron a nós a través da historia, foron tamén moi importantes para os que nos precederon. Foron as imaxes ás que eles lles rezaron. As imaxes que os acompañaron no seu camiño.