Miguel Loureiro: «A amizade e a lealdade son dúas das cousas máis importantes deste mundo»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Miguel Loureiro
Miguel Loureiro JOSE PARDO

«Se te esforzas podes chegar a onde xamais pensaras», di o exbaloncestista ferrolán

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Loureiro foi -e segue sendo, porque a práctica deportiva non a abandonou nunca- un deportista singular. Chegou á primeira liña do baloncesto español tras terse iniciado nese deporte sendo xa adulto. De feito, antes de xogar ao básket militou, entre outros equipos de fútbol, no Racing Xuvenil. Ademais, sendo, como é, un gran afeccionado ao atletismo, foi desde neno un excelente corredor. E incluso durante o seu paso pola alta competición sempre compaxionou o deporte co seu traballo na construción naval. Brillou con especial forza no baloncesto español nos anos oitenta, como imparable aleiro do mítico OAR, co que chegou a acadar unha quinta praza na esixente liga ACB cando o básket español brillaba no mundo enteiro. E foi, e segue sendo, un ferrolán especialmente querido, ao que moita xente, corenta anos despois dos seus grandes días de gloria, aínda lle berra aquilo de «¡Opa, Canido...!» cando o ve pasar pola rúa.

-¿De onde vén todo ese afecto?

-A verdade é que non o sei, porque eu, sendo sincero, non creo ter merecido nunca que a xente me tratase con tanto afecto como me trata. Pero foi así desde que era rapaz, desde que empecei a facer deporte. Primeiro no colexio Dafonte, despois no instituto e máis tarde no Tirso. Seguramente tamén eu terei feito cousas malas. Aínda que, por fortuna, na memoria da xente pesan máis as boas.

-Segue sendo unha persoa moi admirada...

-Eu non creo que se trate de admiración. Creo que é, simplemente, afecto. Porque o afecto si que segue estando aí, son plenamente consciente diso. E síntome moi agradecido, sempre me sentín así. Ferrol é moi xeneroso comigo.

-Cando empezou a xogar ao balancesto, ¿pensaba que chegaría a estar entre os grandes xogadores dese deporte?

-Ao principio non, nin moitímo menos. En poucos anos pasamos de ser xogadores afeccionados a estar loitando na cancha coas estrelas ás que admirabamos moitísimo cando só as viamos na tele. Foi extraordinario. E hai persoas ás que aínda hoxe iso lles estrana. Pero o feito é que o conseguimos.

-En especial, vostede. Refírome a esa evolución tan espectacular.

-Non, non fun eu só. Esa transformación non só se deu en min. Pero o feito é que non houbo secreto ningún. Só moito traballo. O deporte ensinoume que se te esforzas podes chegar ata onde xamais pensaras.

-¿Como o lograron?

-Traballando moitísimo, integrados nun proxecto que contou con persoas providenciais, como Juan Fernández, a quen tanto lle debe o baloncesto español, ou como Torrado, O Bruxo, que como preparador soubo convertirnos en deportistas de primeirísimo nivel, e que como recuperador conseguiu rehabilitacións incribles.

-¿Que é amizade para vostede?

-Para min a amizade e a lealdade son dúas das cousas máis importantes que hai neste mundo. E sempre pensei así...