Un 2021 para Carvalho Calero no seu Ferrol

A cidade natal do escritor seguirá reivindicando durante todo este ano a obra e o legado intelectual do autor da «Historia da Literatura Galega Contemporánea»


ferrol / la voz

O 2021 será en Ferrol outro ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Aínda que a Real Academia Galega lle dedicou a Carvalho o recén rematado 2020. a cidade natal do escritor quere seguir mantendo viva a reivindicación do legado do autor da Historia da Literatura Galega Contemporánea, e que o conxunto da súa obra sexa celebrado, por fin, coa intensidade que non permitiu a pandemia. E desde o Concello de Ferrol se reiteraba onte, na mesma liña do xa manifestado polo alcalde, que o verdadeiramente xusto sería que o Día das Letras deste 2021 estivese dedicado, tamén, a Carvalho, xa que a crise sanitaria «impediu levar a cabo con normalidade» as homenaxes previstas.

O goberno local lembra que esa demanda respondía a un sentimento compartido por todas as forzas políticas da corporación municipal. E que recollía, ademais, o «sentir da cidade». Un sentir «expresado -como tamén dixo no seu momento Ángel Mato- a través de diversos colectivos e asociacións que estiveron traballando durante anos para que a figura de Carvalho Calero» por fin tivese «o recoñecemento que merece».

 

Mostra na praza de Armas

Estes días pódese contemplar na praza de Armas a exposición itinerante da Diputación Provincial dedicada á vida e a obra de Carvalho. E, mentres, o Concello ferrolán prepara xa un amplo programa de actividades dedicado á súa figura. Ao mesmo tempo, as publicacións, en Ferrol, continúan: a editorial Embora vén de publicar un volume no que recupera versos de Carvalho Calero que teñen o seu mundo ferrolterrán como epicentro. E Martinho Montero Santalha, un dos maiores expertos na obra do polígrafo ferrolán -de quen foi, ademais, un dos máis grandes amigos- ten previsto sacar á luz neste 2021 o seu monumental estudio sobre a traxectoria vital, intelectual e académica de Carvalho. Unha traxectoria intelectual e académica que seguen reivindicando, intensamente -e convén subliñalo, de novo, tal e como o propio Concello ten feito-, todo tipo de entidades culturais ferrolás.

Recén rematado o 2020, o goberno local ferrolán reitera que non comprende as «urxencias» coas que a Real Academia Galega, que non celebrou en Ferrol senón en Santiago o acto central das Letras Galeas dedicado a Carvalho, «tratou de pechar a cuestión». Urxencias, reitera, que xeraron un fondo «malestar» entre a cidadanía ferrolá. «Para o Concello e para Ferrol -subliñao goberno local- o 2021 tamén será o ano de Carvalho Calero, e imos tratar de facerlle xustiza». Carvalho foi unha das máis poliédricas figuras da cultura galega. Poeta, dramaturgo, narrador, profesor, ensaísta e académico, a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea permitiu comprender ata qué punto Galicia é unha realidade que brilla, dun xeito moi especial, a través da grandeza das súas palabras. Un vello reino do que naceu unha extraordinaria literatura. E un país inmensamentre máis grande nos corazóns que nos mapas.

 

Unha perspectiva nova

Aínda que o ano verdadeiramente dedicado a Carvalho no marco das Letras Galegas fose o 2020, Ferrol non esquece a don Ricardo. E reclama outra mirada máis intensa, da que vaia nacendo unha perspectiva nova.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Un 2021 para Carvalho Calero no seu Ferrol