Mírame e non me toques

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

FERROL CIUDAD

X. Estévez

19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai paisaxes tan apracibles ou evocadoras que non se deberían tocar. Apenas achegarse a elas a través dun ignoto camiño e gozar da súa contemplación, como ese pequeno esteiro ao atardecer, poboado de gaivotas, garzas e corvos mariños que se disputan a pesca entre a transparencia das augas. Ao fondo, os montes dan respaldo a un lugar con discretas cores onde domina o branco. Non sei o que veríamos se nos achegáramos a ese núcleo.

Cando se escribe non se dan instrucións, sinxelamente opinións, nin sequera para que as consideren. Reafírmome no que teño escrito ao longo dos anos sobre o chamado feísmo, que tanto deu de si; non así na súa tradución política. Viña sendo unha especie de rebelión contra o pasado, que trouxo consigo a eliminación de dúas estéticas, a urbana e a popular, e a conseguinte desaparición dos oficios da construción. Por un lado, a substitución dunha burguesía urbana que tiña unha arte para facer a cidade por unha nova capa social emerxente, co maxín posto principalmente nas plusvalías; e, por outro, as necesidades vitais dun campesiñado emigrante de dedicar o aforro á autoconstrución dunha vivenda á marxe das pautas tradicionais. A beleza romántica foi substituída por unha fealdade estándar, sobre todo na nosa comunidade.

Despois, na democracia, pensouse que era soamente unha cuestión de planeamento; érao, pero non foi a solución definitiva porque o problema estaba nas nosas mentes, e de aí resucitou a palabra paisaxe para tratar de corrixir aquilo que alarmantemente se expandía por toda Galicia.

Xa nestes tempos, as sucesivas crises inmobiliarias contribuíron a pacificar o territorio. Detivéronse as implantación espontáneas nas contornas suburbanas, as cidades compactáronse e os aneis metropolitanos consolidáronse. Sen deixar de percorrer Galicia, comprobo que as novas edificacións que, de vagar, van poboando o territorio teñen outra arquitectura. Faise notar o labor pedagóxico da Escola Técnica Superior de Arquitectura e das experiencias formativas das Oficinas de Rehabilitación.

Tamén a evolución da normativa deu os seus froitos. Pero as directrices da paisaxe suscitan algunhas cautelas. Poida que o exceso de normas e ordenanzas invalide a creatividade; ou, pola contra, que ante esas paisaxes dignas de admiración, se sinta a necesidade de promover intervencións innecesarias para transformalas en bonitas postais. Ou sinxelamente que os concellos, que non dispoñen da convicción nin da capacidade para levar a cabo a vixilancia, opten por pasar delas.

Benvidas sexan as directrices, comecemos pola súa pedagoxía.