A Academia traslada o acto do Día das Letras Galegas previsto en Ferrol á súa sede na Coruña

La Voz REDACCIÓN

FERROL CIUDAD

Carvalho Calero fala nun acto da Academia o 17 de maio de 1980, en presenza de Marino Dónega, Domingo García-Sabell e Francisco Vales Villamarín (de esquerda a dereita)
Carvalho Calero fala nun acto da Academia o 17 de maio de 1980, en presenza de Marino Dónega, Domingo García-Sabell e Francisco Vales Villamarín (de esquerda a dereita) arquivo real academia galega

A conmemoración cambia de lugar por mor da situación sanitaria e mantén a data deste sábado

28 oct 2020 . Actualizado a las 13:42 h.

A Real Academia Galega tiña previsto celebrar este sábado día 31 o acto do Día das Letras que tivo que adiarse da data tradicional do 17 de maio por mor da pandemia do coronavirus. De novo, a situación sanitaria obriga a outro cambio: o pleno extraordinario xa non terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol, senón que se traslada ao salón de actos da sede coruñesa da RAG. Comezará ás 12.00 horas e poderá seguirse en directo a través da web da institución.

O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de Ricardo Carvalho Calero, o persoeiro a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2020. Intervirán Margarita Ledo Andión, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.

Ademais, este xoves celébrase a derradeira sesión do simposio que a RAG vén dedicando a Carvalho Calero. Nesta ocasión, a partir das 19.00 horas serán Henrique Monteagudo, Eduardo Maragoto e Serafín Alonso Pinto, moderados por Rosario Álvarez, quen abordarán as ideas e as achegas ao idioma do escritor e lingüista.