Os xornalistas recoñecen ao Siro López articulista co premio Alvite

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ANGEL MANSO

O debuxante anunciou un libro antoloxía do seu traballo co escritor

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De todos os premios que recibiu ao longo da súa carreira, o recollido onte ten un significado especial para Siro López (Ferrol, 1943) por partida dobre. Por un lado, porque recoñece un labor, escribir, que ata o 2017 foi «secundario» para el. «Sempre fixen caricatura política e humor gráfico, o que escribía, ás veces, era unha simple liña», confesou no acto celebrado na sede da ONCE na Coruña o autor da columna semanal Puntadas sen fío, en La Voz. Pero había outro motivo para a emoción. «O premio José Luis Alvite leva o nome dun querido amigo e admiradísimo colega, co que traballei dous anos facendo a última páxina do Diario 16», lembrou López.

O xornalista compostelán falecido no 2015 bautiza os galardóns que van pola súa quinta edición e cos que a Asociación de Periodistas de Galicia (APG) recoñece o traballo de profesionais destacados no mundo da comunicación. A entrega, á que acudiron autoridades como o presidente da Xunta, o delegado do Goberno ou o presidente da Deputación estaba prevista para maio con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa, pero foi adiada ata onte polo coronavirus. Unha situación na que os valores de valentía e imparcialidade que premia o galardón, que non conta con dotación económica, «son máis necesarios ca nunca nestes tempos de confusión polo covid-19», destacou a presidenta do colectivo de xornalistas, María Méndez.

 Lapis, tecla e voz

Máis de 40 anos de traxectoria profesional como ensaísta, humorista gráfico, caricaturista e articulista, nos que «creou escola e unha lexión de seguidores», engrosan o currículo de López. O titular do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijoo, destacou que se trata dun «comunicador total, xa sexa co lapis, coa tecla ou coa voz». Autor dun humor, engadiu, que «non caduca».

De saúde «algo deteriorada», sorriu López, «folgos non me faltan para seguir facendo cousas». Onte aproveitou para anunciar a publicación dun libro coas escolmas do seu traballo en común con Alvite. O título, o mesmo co da sección: Almas del 9 largo.