¿Ainda somos poucos?

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

12 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No asunto do número ideal de habitantes temos días. Somos, mal contados, 7.000 millóns de habitantes nunha terra limitada. Quero dicir que non é infinita. Se fose infinita e eterna podiamos coller os habitantes que queiramos, contando segundas residencias e un automóbil por habitante... Pero soñamos con ser menos.

Que unha comarca de China baixe en nacementos e suba en defuntos, fainos respirar. Como que nos dá acougo. Que en Ferrolterra morran o dobre dos que nacen, danos depresión... En que quedamos, logo? É bo seguir medrando a poboación ou sería mellor baixala? Temos días. Mesmo temos horas do día.

Se vas a certas praias non cabes. O pan non chega para todos. As Forcadas ten auga para... Onte soñei que as Forcadas tiñan auga para 2 millóns de habitantes. Soamente nos recheos da ría collían 300.000 habitantes e o Racing, en correspondencia, era equipo de primeira. Franco era un nacionalista español. Pensaba que máis habitantes daban máis poder político. Máis soldados, máis poder militar. Os nacionalistas sempre pensan no máis grande. O tamaño, desculpando a súa cara, si é importante.

Ás veces dan un premio de cidade feliz, ou cidade curriña, ou cidade ecolóxica (daquela maneira) a Pontevedra ou a Molinaseca no Bierzo. Aínda estou por ver que lle dean un premio de «habitabilidade» ao Cairo, a Estambul ou a Madrid.

Vanme fondear no medio da ría se digo que mellor sermos menos (incluído Ferrol.) As mulleres son as que paren. Penso que elas si me comprenden.