«Ferrol soubo chegar á modernidade moito antes que outras cidades galegas»

R. L. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Guillermo Llorca define Ferrol como unha cidade culta, cunha tradición ilustrada importante

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guillermo Llorca -que por certo é un verdadeiro namorado do medio natural e da paisaxe- foi sempre un mestre moi querido. Unha persoa xenerosa que, desde as aulas do Bacharelato, puxo cada día un especial empeño en animar aos seus alumnos para que perseguisen os seus soños. Daquelas clases súas, sempre amenas e concibidas desde o permanente entusiasmo polo coñecemento, saíron desde xuristas e poetas ata profesores universitarios. E, por suposto, un bo número de historiadores.

-¿Resultoulle difícil compaxinar a docencia coa investigación?

-Non. Fíxeno durante moitos anos, e estou moi satisfeito de telo feito. A docencia gustábame moito. Sempre tiven unha relación excelente cos meus alumnos, e estou moi contento de terlle dedicado unha boa parte da miña vida a ensinar.

-¿Que é Ferrol?

-Ferrol é unha cidade culta. Unha cidade que ten unha tradición ilustrada importante. Ferrol soubo chegar á modernidade moito antes que outras cidades galegas. E posúe unha gran tradición, tamén, en ámbitos coma o do movemento obreiro. Pero é unha cidade na que as crises son cíclicas, quizais porque nunca fomos capaces de alonxarnos do monocultivo industrial diversificando de verdade o tecido produtivo. Porque intentos de diversificar o tecido produtivo si que houbo. De feito hóuboos moitas veces, e afirmar o contrario sería mentir. Pero non foron suficientes..

-¿E Ferrol valora, realmente, o seu patrimonio como cidade?

-Eu diría que non. Aquí sempre houbo un certo papanatismo que levou a valorar máis o de fóra que o noso. E, de feito, iso pasa aínda, incluso a nivel institucional. Seguimos sen saber darlle a Ferrol a importancia que de verdade ten, o recoñecemento que merece.