Guillermo Llorca Freire: «A historia local é fundamental para recuperar a identidade dun pobo»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

Este historiador afirma que «fronte a un mundo cada vez máis globalizado, a xente busca as súas raíces»

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guillermo Llorca Freire vén de cumprir 70 anos de idade. Autor de máis de trinta libros, o seu nome é unha permanente referencia entre os historiadores galegos tras unha vida enteira dedicada a un proxecto persoal que permitiu sacar á luz múltiples aspectos dunha cidade, Ferrol -dunha illa en terra, se nos é permitida esa imaxe-, sempre menos coñecida do que parece. Llorca decidiu investigar o pasado de Ferrol desde múltiples perspectivas cando aínda era un estudante, un alumno da Universidade de Santiago. E así comezou todo. Investigou sen descanso durante os 36 anos que dedicou á docencia, case todos eles no instituto Sofía Casanova. E hoxe, por suposto, continúa plenamente activo, investigando e publicando, sempre cun horizonte moi claro: convencido de que, para entender a historia no seu verdadeiro contexto, hailles que dar voz, tamén, a eses seres anónimos que no fondo, e máis alá dos grandes personaxes e dos grandes acontecementos, son o verdadeiro motor dunha nación.

-Á historia local parece empeza a dárselle hoxe, por fin, o valor que non sempre se lle deu.

-A historia local é fundamental para recuperar a identidade dun país. E aínda que efectivamente estivo moi infravalorada, cada vez se lle empeza a dar máis importancia. Fronte a un mundo cada vez máis globalizado, a xente, hoxe, busca as súas raíces.

«Na facultade, mentres estudaba, vía que nos textos da carreira non aparecía Ferrol»

-¿Que foi o que o moveu a dedicarse, con tanto empeño, á historia de Ferrol?

-Pois foi algo que decidín xa no ano 1975. Vendo na facultade, mentres estudaba, que nos textos da carreira nunca aparecía o nome de Ferrol. Así foi como tomei a decisión de dedicarme a investigar, como historiador, o pasado da miña cidade.

-Unha decisión que daquela non era moi frecuente.

-Non, non o era. Naquel tempo, nos anos 70, a opción de dedicarse á historia local era totalmente minoritaria entre os investigadores. Daquela éramos moi pouquiños os que decidiamos dar un paso así.

«Nos anos 70, a decisión de dedicarse á historia local era totalmente minoritaria»

-En calquera caso, e despois de tanto esforzo e tanto traballo, supoño que a maneira na que hoxe un público moi amplo segue con atención permanente os avances da investigación no ámbito da historia local ten que ser unha satisfacción máis, tamén.

-¡Por suposto! Que os libros que se van publicando acaban esgotados, é un feito que está aí e que fala por si mesmo. É algo incuestionable, que confirma o interese da xente, e claro que é algo que che produce unha gran satisfacción. O esforzo pagou a pena.

«Sabemos moito dos primeiros Borbóns, pero moi pouco dos canteiros de San Felipe»

-¿E aínda é posible seguir avanzando?

-Non só é posible, senón que queda moito por facer. Por iso a min sempre me parece tan importante buscar enfoques novos, que é algo que foi o meu obxectivo desde que empecei a investigar. Sabemos moito dos primeiros Borbóns, pero moi pouco dos canteiros que son os que levantaron o castelo de San Felipe.