Un recanto ateigado de valor patrimonial

Xosé M. Varela NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS

FERROL CIUDAD

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde sempre foron As Travesas, esa corredoira que unía o lugar de Asalo coa parroquia de Niñóns. Tránsito a espazos agrícolas, pero tamén de xuntanza en días de festa daquelas familias que emparentaban entre as tres parroquias veciñas. A medio camiño, unha encrucillada. Catro direccións noutrora poboadas de mestas carballeiras, hoxe comestas polo asfalto e a odiosa eucalipteira. A Asalo, a Santa Cruz, a Niñóns e ao Fuso da Moura.

Neste espazo máxico tiña que haber unha cruz. Cristianizaría todo ese bulebule humano. De primeiras, o apelativo a cruz do Pedrouzón remitíanos ao nome dun tal Pedro. Pero non é tal. Pedrouzón é un dos microespazos que bordean este cruzamento de camiños. Como A Gándara, coa súa gran mámoa na chousa do Fraile. En fronte, tenzas

co nome da Cova dos Vellos; se furgaramos un pouco na memoria popular descubriríanos algunha lenda ou conto. Na outra man, O Pedrouzón. E pechando o círculo, Milleiras. No valado dunha das chousas de Milleiras, ollando a vella corredoira está (ou estaba) a rústica cruz do Pedrouzón. Aínda non hai un par de semanas que a inmortalizamos co móbil. Levamos a súa esguía imaxe no peto. Miraba cada solpor esa faldra do monte Nariga que lle dá nome.

Avísannos que no día de San Xoán desapareceu do seu emprazamento. Á xente válelles todo. Dademo se conciencia ten e é incapaz de respectar nin tan sequera un mínimo o espírito deste recanto ateigado de valor patrimonial.