«Carvalho Calero, Torrente Ballester e Rubia Barcia eran practicamente da mesma idade -engade Escrigas-. Case se podería dicir que naceron ao mesmo tempo. E iso é algo que cito, a maneira de exemplo, para que se entenda que o Ferrol das primeiras décadas do século XX é unha cidade chea de libros, con grandes bibliotecas, na que hai moita xente que sabe ler en inglés e en francés e que segue moi de cerca a mellor literatura europea». «E é precisamente nese contexto cultural -remarca o documentalista- onde xorde a figura de Carvalho Calero, do que estou convencido que non sería o mesmo escritor nin o mesmo profesor se non tivese nacido en Ferrol»,
Na rúa San Francisco de Ferrol está, á espera de ser rehabilitada -como lembra Martinho Montero Santalha-, a casa natal de Carvalho. Quen queira coñecer ben os territorios de infancia e xuventude do escritor non pode deixar de percorrer esa rúa. Nin tampouco, por suposto, o barrio ferrolán da Magdalena, que tanto se parece, desde o aire, a unha libra de chocolate. Nin a praza do Marqués de Amboage. Nin o Cantón de Molins. Nin -como subliña, neste caso, Carlos Vidal- o paseo de Herrera, desde o que tan fermoso é mirar o mar de Ferrol, sempre proclive a todas as longas navegacións.