Socioloxía do confinamento

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

18 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Atentos sociólogos e psicólogos ao confinamento da alerta xeral. Atentos tamén os técnicos en portas de neveira, estropeadas en cantidades xeométricas á par do «maldito virus chinés», que dixo un musculoso tirador de rifle e máis lareiteiro.

Os sociólogos van ter traballo de condutas sometidas á presión do encerro. Agora imos comprender algo do que lles pasa aos touros do San Fermín. ¿Subirá o número de embarazos? ¿O número de divorcios? Axiña xurdiron formas culturais inéditas como o bingo da corrala ou os cánticos operísticos e o himno patriótico (en Italia, non xeralicemos).

Haberá lecturas poéticas e rezos... e protestas pola invasión cultural non desexada. E espionaxe da rúa albiscando veciños que rompen o illamento. E envexas disfrazadas de sentido cívico. E xeitos de manifestar o odio, habitual en todas as guerras. Pero esta do virus é unha guerra ao revés. En vez de marchar da casa insultando ao inimigo, vai ser quedarse nela e insultarnos entre nós.

O insulto ten que ir cara a algures, porque é así a súa natureza. Así que ao non correr buscando ao inimigo, vólvese entre nós, remexendo xenreiras. Aínda quedan xentes que saíron da capital en tromba, buscando os virus. Cantando animosos «A por ellos, oé, oé».

Estas xentes (de moitas capitais) fan a guerra tradicional. O instinto é o instinto, ou ben que os seus mandos militares lles deron ordes confusas. O odio é fundamental na guerra. Atentos os psiquiatras. Estes días, as redes ferven en insultos.